Na final, á que chegou demostrando a súa calidade, perdeu contra Cataluña, a selección anfitrioa, por 4-0.
Cunha fantástica progresión, as irmandiñas foron demostrando neste Mundial (a primeira competición oficial na que participa unha selección galega) o que valen. Este domingo soñaban con proclamarse campioas do Mundo mais, a pesar da forza que puxeron na pista, as galegas tiveron que se conformar cun histórico segundo posto, após perder contra Cataluña, a selección anfitrioa en Reus, por 4-0.
Aínda con este resultado final, o combinado galego dominou durante moitos minutos no partido, mais errando ante a portería das catalás. Por outro lado, Cataluña foi moi efectiva e marcou nos momentos xustos, subindo os ánimos da afección que se xuntou no Pavillón Olímpico de Reus.
O marcador chegou ao descanso 2-0 a favor das locais. No segundo tempo Galiza mantivo o balón do seu lado, tendo numerosas ocasións de gol, mais as catalás marcaron nos últimos minutos os dous goles que terminarían, definitivamente, enchendo o seu marcador.
Facendo historia
Porén, a pesar de non ter gañado esta final, as irmandiñas, unha selección composta por mozas moi novas, demostrou o potencial que ten o futsal e o deporte feminino galego. Era a primeira vez que unha selección do noso país participaba nunha competición deste calado, e desta volta, as irmandiñas fixeron historia.