Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
As mozas debutan contra Rusia

A irmandiña do Futsal parte cara o Mundial de Reus

A conselleira de Cultura e Deporte, Ánxela Bugallo, a directora xeral para o Deporte, Marta Souto, e a secretaria xeral da Igualdade, Carme Adán despediron o combinado nacional.

Redacción - 20:15 24/09/2008
Ánxela Bugallo, Marta Souto e Carme Adán entregando o equipamento ás irmandiñas

Ánxela Bugallo, Marta Souto e Carme Adán entregando o equipamento ás irmandiñas

A conselleira de Cultura e Deporte, Ánxela Bugallo, a directora xeral para o Deporte, Marta Souto, e a secretaria xeral da Igualdade, Carme Adán, despediron á selección galega feminina de fútbol sala, que ha participar, a partir do próximo día 29, no Mundial organizado pola Asociación Mundial de Futsala (AMF) en Reus.

No acto, Ánxela Bugallo entregoulles o equipamento ás irmandiñas, ao tempo que cualificaba a participación de Galiza neste Mundial coma "histórica". A conselleira tamén lles desexou "moita sorte" ás mozas da selección nacional para o seu debut ante Rusia. No día a seguir as irmandiñas enfrontarase a un peso pesado: Brasil.

"Aquí tedes a equipamento da ilusión e da esperanza, pois esta camiseta representa o corazón deportivo de toda Galiza. Somos conscientes de que ides xogar contra rivais moi duros ao tratarse dun Mundial, pero estou segura de que deixaredes o listón moi alto", sinalou Bugallo no momento de entregar á equipamento ás xogadoras.

En representación do equipo, falou a capitana da selección, Sonia Pacios, quen recoñeceu que para elas é un "orgullo" e unha "satisfacción" poder representar ao noso país nesta competición "ante rivais da entidade de Brasil, Arxentina ou Italia. Sabemos que nos agarda un torneo moi difícil, pero viaxamos con moita ilusión para facer algo importante", confesou a xogadora.

A selección galega de fútbol sala feminina é a cuarta creada até agora por Deporte, tras a de baloncesto, balonmán e fútbol. Neste campionato do Mundo, ademais de Galiza, participan Arxentina, Australia, Brasil, Cataluña, Colombia, Eslovaquia, Italia, Paraguai, República Checa, Rusia e Venezuela.

Quen son as Irmandiñas
A convocatoria da selección galega está formada por Silvia Aguete (Leis), Claudia Rodríguez (Burela), Paloma Vilar (Leis), Begoña Fraguas (Leis), Ana Rivera (Verín), Carmen Pérez (Mosteiro), Laura Pérez (C. Burgas), Lucía Álvarez (C. Burgas), Sonia Pacios (C. Burgas), Iria Saeta (C. Burgas), Cecilia Puga (A Combarro), Paula Gómez (Verín), Dolores Sánchez (Burela) e Gema Vidal (Leis).


4,9/5 (10 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: