Os veteráns branquiazuis xogan a Copa fronte ao Valencia, após gañarlles o último partido da competición, o que lles deu a Liga.
Un clásico dos que sempre animan á afección está preparado para esta quinta feira 5 de xuño, ás 21:30 horas no Pazo Municipal dos Deportes de Riazor: o renacido Súperdepor fronte ao Valencia CF.
Chega o tempo do desquite e os tres seguintes clasificados na primeira edición da Liga de Fútbol Indoor (Real Madrid, Barcelona e Valencia) poden conseguir o premio de consolación: a Copa. É o último acto dunha emocionante tempada que emparellou os galegos cos valencianos e os cataláns cos madrileños; un duplo duelo cheo de espectáculo.
O Dépor aparece como favorito en todas as quinielas, porque é o vixente campión de Liga, porque xoga na casa, porque anda por aí Djalma Feitosa Dias, Djalminha, e Fran, capitaneando, após conseguir o título de mellor xogador na Eurocopa Indoor. Mais o Real Madrid, o Barça e o Valencia aínda non deixaron todo dito. Os dous primeiros xogan xusto ás 20:00 horas desta quinta. Xa na sexta feira desenvolveranse os encontros polo terceiro e cuarto posto, ás 20:00 horas; e a gran final será ás 21:30 horas.