O futbolista di sentirse doído por non poder defender "o escudo e a camisola orixinal coa que tanto gocei". Entrevista feita pola Liga de Fútbol Indoor, a dos veteranos.
Cando xogaba no Súperdepor
A Liga de Fútbol Indoor 2008, a primeira liga dos veteranos do fútbol estatal, comezou mediado o pasado mes de xaneiro. Naquela altura, o Deportivo debutou contra o Athletic, en Bilbo. Era dos poucos equipos dos veteranos que non conseguira o apoio do seu clube, que nin sequera lles deixaba levar as camisolas oficiais.
Dende a Liga de Fútbol Indoor chegou a Vieiros unha entrevista feita con Francisco Javier González, Fran, o mítico capitán daquel Súperdepor, un "deses amantes do funambulismo feito fútbol", contan. Velaí vai:
Pases imposíbeis, pinchacarneiros con sabor a caneo ou tiros de estética doce e envelenada; nada é inalcanzábel para este galego que segue deleitando a vellas e novas xeracións na Liga Estatal de Fútbol Indoor. O capitán do Súperdepor segue regalando leccións.
A vindeira sexta feira volven á competición despois do seu extraordinario debut ante o Athletic de Bilbao, Tiñan ganas?
Por suposto que tiñamos ganas. Aquel partido foi moi especial porque todos os que o xogamos volvémonos sentir futbolistas. Foi marabilloso e agardamos repetir sensacións esta sexta, aínda que supoño que vai ser aínda mellor, por ese aquel de xogar na casa, ante a nosa xente.
Aquel encontro foi considerado por moitos como un dos mellores deste campionato, pola competitividade que houbo. De feito, até chegaron a verse entradas duras e varios cartóns...
É certo, pero é que somos así. Os futbolistas que xogamos nesta Liga temos a competitividade no sangue. Dito doutro xeito: non sabemos facer outra cosa que saltar a un terreo de xogo e procurar a vitoria. De non ser así, de non ter arelas de triunfo a cada paso que damos, nunca teríamos chegado tan lonxe no mundo do fútbol.
O que queda claro é que, pese a ser un dos equipos desta Liga con menos experiencia no Fútbol Indoor, a súa adaptación foi moi rápida.
Ficamos moi contentos con como temos xogado. Como dis, nunca o tiñamos feito, polo menos non ao nivel de outros equipos como o Barça, o Real Madrid ou o Atlético de Madrid. Aínda que quedan cosas por mellorar, creo que temos un bo nivel.
Que cousas quedan por mellorar?
Cuestións básicas e vitais neste deporte. Por exemplo, xogar coa parede. O noso maxín segue pensando que non existe, aínda que a vexamos, e desenvolvemos o noso fútbol sen aproveitar as vantaxes que ofrece, por exemplo, para coller rexeites ou fuxir dos rivais. Tamén temos que adaptarnos á superficie. É algo máis lenta do que o céspede tradicional, no que todos temos xogado e, persoalmente, aínda teño que saberlle os segredos.
Pois non se nota. De feito, Juan Sánchez comentou que Valencia e Depor poden ser as revelacións desta Liga.
Sempre se agradece recibir este tipo gabanzas. De feito eu son o primeiro que apostaría, sen medo, por este Depor, mais, se o fixese sería un insensato.
Por que?
Nesta competición hai tres factores que son fundamentais. O primeiro é a condición física, ámbito no que non andamos moi finos porque non nos deixan adestrar como queremos. En segundo lugar, é importante contar con xogadores retirados hai non moito, e algúns dos nosos xogadores levan máis tempo inactivos que outros futbolistas desta Liga. En terceiro lugar, hai que ter en conta as lesións; por fortuna aínda non sufrimos ningunha, pero sempre están aí, á espreita, e hai que valoralas para non deixarnos levar pola euforia.
Mencionou as dificultades que teñen para adestrar. Este problema, xunto co rexeite por parte do clube a cederlles equipamentos e mesmo a deixarlles usar o escudo do equipo, estaos afectando?
Afectar, o que se di afectar, non é que afecte moito, porque somos moi profesionais e estamos centrados en facelo ben. Si é certo que nos doe, porque a todos nos gustaría defender o escudo e a camisola orixinal coa que tantas tardes nos temos vestido e á que estes xogadores tanto lle teñen dado.
Por que esa negativa do Deportivo e do seu presidente, Augusto César Lendoiro, a darlles as mesmas facilidades que, por exemplo, si reciben por parte dos seus clubes o resto de participantes desta Liga?
Se son sincero, creo que non hai nada novo nesta actitude. O Deportivo da Coruña nunca tratou ben aos seus veteranos; sempre foi así. A única diferenza co que acontecía hai años radica no tirón mediático de algúns dos futbolistas que se acaban de incorporar a este grupo. Moitos deles foron grandes xogadores mundiais e iso fai que a xente se fixe máis no que fai a Asociación de Veteranos e cales son as súas necesidades. Por iso toda esta problemática e polémica parece nova, mais, segundo o que nos contan os directivos máis antigos da asociación, as cosas non cambiaron moito.
Mais, malia todo, A Coruña e Galiza están con vostedes...
O que estamos vivindo na Coruña está a ser espectacular. A xente apóianos e empréstanos case a mesma atención e o mesmo cariño co que nos agarimaban cando eramos membros do primeiro cadro de xogadores. Para este debut na casa está prevista unha gran afluencia de público e isto énchenos de orgullo porque, á fin, ese é o noso cometido: conseguir que os espectadores gocen véndonos xogar.
Se se quere ler a entrevista completa, velaquí está.