Seareiros ciclistas constituirán formalmente este venres en Cacheiras o grupo de apoio ao heroe local das estradas.
Un dobre obxectivo: promocionar o ciclismo de base entre rapazas e rapaces da zona e de paso organizar o apoio ao ciclista teense nos seus próximos desafíos na estrada, dos que o máis inmediato será a Vuelta. Con esa fin botará a andar a Peña Ciclista Ezequiel Mosquera.
O proxecto nace oficialmente este venres 10 de xullo no municipio coruñés de Teo. Aló, os seus promotores presentarán ao público o proxecto, nun acto a celebrar ás 21h30 en Cacheiras. Recordámoslles que o ciclista galego aspira a todo na edición 2009 da Vuelta que rodará as vías estatais o vindeiro mes de setembro logo dunha edición 2008 onde lambeu o podio rematando na cuarta posición, un posto mellor do que conseguira un ano antes.
Esta tempada, o de Teo viu roto o seu bo estado de forma por unha pequena fractura na man que, finalmente, impediulle a participación no Giro de Italia, un desafío no que aspiraba a ofrecer grandes tardes de ciclismo. O líder do Xacobeo Galicia non puido así volver á competición até mediado o mes de xuño, cando viaxou co equipo a Francia até a Route du Sud.