Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
SUBSTITÚEO SERAFÍN MARTÍNEZ

Mosquera baixa definitivamente do tren que leva o Xacobeo até o Giro

O ciclista de Teo fixo este martes unha proba e viu que non conseguía facer forza na man danada, polo que non poderá ir cos compañeiros na rolda italiana.

Redacción - 18:30 05/05/2009
Ezequiel Mosquera

Ezequiel Mosquera

Malia que un pequeno raiolo de optimismo invadira o Xacobeo Galicia nas últimas xornadas por mor da ben que estaba avanzando a recuperación de Ezequiel Mosquera, finalmente o ciclista de Teo non estará no arranque da rolda italiana, o vindeiro sábado. Mosquera sufrira unha caída na madrugada do pasado 19 de abril, que lle produciu unha pequena fractura na man, da que non conseguiu recuperarse.

Nos últimos días existía no equipo o debate entre a importancia que supón a presenza do líder do equipo na rolda italiana e, pola outra banda, o risco que supoñía a falta de adestramento durante os días que seguiron á lesión. Este risco non residía só na posibilidade de que a lesión se agravase, senón tamén na hipótese de chegar a Italia e ter que abandonar aos seus compañeiros despois das primeiras etapas. Sobre esta opción, Álvaro Pino asumiu en todo momento a responsabilidade dunha posíbel retirada do seu corredor, pero deixou claro en todo momento que sería el quen tomaría a decisión final.

Esta decisión chega despois de que Mosquera non conseguira recuperarse axeitadamente, no que supuxo un cúmulo de mala sorte. Así, a inflamación que acompañou ás primeiras exploracións da man danada impediu que se atopara a pequena fractura nun dos seus osos até catro días despois do accidente, polo que a recuperación quedou moi condicionada. Agora tócalle recuperarse ben e comezar a preparar o outro gran obxectivo da tempada, a Vuelta a España, xa que como explicaba nunha entrevista concedida a Vieiros hai menos de dous meses, a tempada non remata no Giro.

Equipo pechado
Unha vez que se decidiu a baixa de Ezequiel Mosquera o equipo formarano agora David García, Gustavo Veloso, Eduard Vorganov, Gonzalo Rabuñal, Delio Fernández, Vladimir Isaychev, Marcos García, Iban Mayoz e Serafín Martínez Acevedo. Os ciclistas partirán ás 15.15 do mércores do aeroporto de Peinador para (facendo escala en Madrid) chegar no mesmo día a Italia. A intención é poder facer un par de adestramentos colectivos antes de comezar o Giro o sábado nunha contrarreloxo por equipos nas rúas de Venecia.

Esta baixa muda o plantexamento co que o equipo acode á carreira, tal e como lle explicou a Vieiros Álvaro Pino: "agora temos que pensar en gañar unha etapa e estar á altura da invitación que recibimos. Levamos un bo equipo, con corredores capacitados para gañar unha etapa, pero quedamos un pouco coxos na loita pola clasificación xeral". Nesta liña destacou a David García e Gustavo Veloso como principais candidatos ás vitorias, lembrando que "agora ninguén se vai queixar de que non puido lucirse por ter que traballar para outros xa que, en principio, van a ter todos moita liberdade".

Nun claro intento de responder cun sorriso ás adversidades Pino non descartou que David García continúe o crecemento como ciclista que está experimentando no equipo galego e poda estar ben clasificado na xeral. Esta reflexión remata cun "no Giro hai moita montaña, pero nunca se sabe". En definitiva, o vindeiro sábado o equipo galego comeza a conquista do territorio italiano sen o seu comandante en xefe pero coas columnas ben ordenadiñas e o queixelo erguido.


5/5 (7 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: