O socialista pon en cuestión a "imaxe" trasladada desde o goberno saínte da Xunta e desde o propio goberno municipal coruñés.
"Son resultados que non poden extrapolarse ás eleccións municipais", subliñou o presidente da Deputación da Coruña, Salvador Fernández Moreda, ao respecto do equilibrio de forzas saído das urnas o pasado 1 de marzo. Nese sentido, avaliou que non a volta do PP á Xunta non será agoiro de perda do poder municipal para socialistas e nacionalistas no Concello e na deputación coruñesa.
Destacou o presidente da institución a necesidade de seguir apostando pola conformación de gobernos de coalición, que cualificou de "necesarios" en democracia salientando que a fórmula de ningún xeito está esgotada.
Así e todo, matizou Moreda, "as maiorías deben impoñerse sobre as minorías". Foi nesa liña que quixo exemplificar coa situación actual na Deputación da Coruña onde, ao seu entender, a forza maioritaria no pacto de goberno, o PSOE, foi quen de "gobernar e impoñer o seu programa". Segundo a interpretación de Moreda, o goberno saínte na Xunta e o propio goberno municipal do Concello d'A Coruña non trasladarían esa imaxe.