"Eu voume centrar no que estou", subliña, "cento por cento".
O presidente da Deputación de Lugo, o socialista Xosé Ramón Gómez Besteiro, rexeitou este venres saltar á política autonómica e comprometeu a súa dedicación ao "cen por cento" co órgano provincial, o goberno do cal comparte co BNG. "Eu voume centrar no que estou", resolveu.
Así, destacou que hai un ano e medio iniciou un "proxecto" grazas a que, por primeira vez, "os socialistas accederon a responsabilidades de goberno na deputación". "Díxosenos que fixésemos algo máis, un cambio, e a iso estámonos a dedicar todo o equipo", subliñou, afirmando sentirse "ilusionado" por presidir o proxecto.
"Hoxe os meus pensamentos pasan única e exclusivamente por cumprir con seriedade e con ilusión con este proxecto que me encargou o meu partido, que é dirixir a Deputación de Lugo, e que non fixo máis que empezar", resaltou. Ao respecto das relacións cos seus socios, Gómez Besteiro deixou claro que "cando haxa problemas" xa o dirá. "Cando teñamos diferenzas políticas, explicitarase ante a cidadanía", indicou. "Non estamos a pararnos en parvadas", engadiu, afirmando que "o importante é o que une" aos socios. Corroboraba así as recentes declaracións do vicepresidente da deputación, o nacionalista Antón Bao, quen asegurou que o bipartito provincial "non corre ningún risco".