Pretenden alertar do grave perigo que corre a empresa, de continuar a SEPI co desinterese amosado desde a reconversión de 2004.
Imaxe dos estaleiros ferrolás
Os membros do comité de empresa de Navantia Ferrol fecháronse na Casa do Concello este xoves ao mediodía para reclamar os compromisos pactados na última reconversión, do ano 2004, e tamén para denunciar a mala xestión que veñen sufrindo os estaleiros nos últimos anos.
Deixan patente, deste xeito, o seu descontento coa dirección de Navantia, que convocara unha reunión para as 17.00 horas na sede do SEPI en Madrid, coa finalidade de negociar o convenio colectivo.
O presidente do comité de empresa, Ramiro González, criticou a mala xestión e recoñeceu que "hai carga de traballo pero tamén, compromisos incumpridos". González advertiu de que non se está a reparar no mal rumbo tomado e que, de seguir na mesma liña, podería dar nunha creba técnica nun prazo de dous ou tres anos.
Incumprimentos
O comité de empresa advertiu de que non se sentará coa dirección até que non se estabelezan tres mesas de negociación solicitadas para falar do Plan Industrial, do convenio colectivo e tamén das industria auxiliar.
No que se refire ao plan industrial, reclámase unha mesa que comece a aplicar os compromisos adquiridos na reconversión do ano 2004, en troques da mesa de seguimento que existe actualmente.
Con esta mesa preténdese elaborar un convenio colectivo único, sen diferenzas entre os traballadores dun ou doutro centro de traballo. Por último, reclámase unha outra mesa de negociación sobre o papel e as condicións da industria auxiliar, que conte coa presenza de representantes de Navantia.
Calendario de reivindicacións
O peche durará polo menos até as 22.00 horas deste xoves, e forma parte dun calendario reivindicativo co que os traballadores da empresa pretenden concienciar a sociedade civil e política do grave perigo que corre o futuro da empresa.