Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Día Internacional dos Traballadores

Salarios dignos e reforma fiscal, prioridades sindicais diante da crise

Xornada para a mobilización e para o subliñado das reclamacións máis urxentes. Entre outros, advertencia ás administracións: coidado cos recortes sociais.

Redacción - 09:30 01/05/2010

"O déficit público que o pague o capital". O lema asínao a CIG neste 1 de maio, Día Internacional do Traballador, insistindo en que non debe transmitirse a idea de que a crise está no mercado laboral e na reforma dese mercado. Entende a CIG, que este sábado realiza en solitario a súa convocatoria de mobilización, que as outras formacións sindicais fomentan erradamente esa idea do pacto social e as mesas de diálogo social como única alternativa fronte á crise.

Ao entender da CIG non foi nin a presunta rixidez do mercado laboral nin os supostos altos salarios os que provocaron a crise, "senón a economía especulativa e mesmo a política de moderación salarial que se seguiu nos últimos anos, que provocou unha caída do consumo ou en moitos casos o endebedamento masivo da poboación para poder consumir". Baixo esa reflexión, chaman desde a CIG a combater a realidade das causas da actual conxuntura económica de crise que, advirten, en ningún caso debera supoñer a redución do gasto social. "Cremos que hai que incrementar o gasto público para reactivar a economía e que para combater o déficit público hai que pór en marcha unha reforma fiscal, incrementando os impostos directos sobre as rendas do capital e sobre as grandes fortunas", subliña Suso Seixo, secretario xeral da CIG.

UXT e CCOO saen xuntos á rúa en apoio ao sistema de pensións
"Polo emprego con dereitos e a garantía das nosas pensións" é o lema asinado conxuntamente por UXT e CCOO cara á mobilización deste 1 de maio. Unha máxima á que lle engaden outros dous obxectivos: "Pola reforma do sistema financeiro" e "Pola solidariedade con todos os pobos do mundo, especialmente cos que sofren gobernos autoritarios, conflitos armados, fame e pobreza".

Recordan UXT e CCOO que neste 2010 cúmprense 120 anos da primeira celebración desta convocatoria de maio no Estado español. Ao fío, aproveitan para destacar a reivindicación artellada arredor da Confederación Sindical Internacional para o estabelecemento de controis "sobre a economía mergullada, os fondos especulativos e os grupos de investimento privados". De xeito especial, avisan de que os gobernos europeos "non deben precipitarse na aplicación de recortes do gasto público" e na adopción de medidas de austeridade fiscal. Para UXT e Comisións a "aplicación dogmática" na UE do chamado Plan de Estabilidade significaría "alto custo social e severos impactos" sobre os sistemas públicos de protección social.


5/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: