A Xunta defende na Cámara o seu "Plan de Acción". Os socialistas consideran que a falta de estratexia e cartos agoira mal ano para o turismo malia coincidir co Xacobeo.
Roberto Varela, conselleiro de Cultura e Turismo
Botando man das cifras do último mes, insistiu esta terza feira no Parlamento o conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, en que xa se nota o número de viaxeiros respecto do ano anterior. Roberto Varela dixo estar seguro de que os números demostrarán que as xestións dos seu departamento "están sendo as axeitadas".
Foi durante a súa comparecencia na Cámara para achegar o bautizado Plan de Acción de Turismo de Galicia que, argumentou, apoiará "un dos principais recursos da nosa economía no contexto de crise que estamos a vivir". "Consenso" foi unha das palabras máis repetidas polo conselleiro, quen subliñou que no plan colaboraron 113 participantes e que inclúe 56 medidas de acción "agrupadas en políticas de ordenacións, de desenvolvemento sectorial, de produtos turísticos e de marketing". "Favorecerá un cambio na estratexia turística galega", prognosticou.
Doutra banda, e segundo debullou o conselleiro, entre as metas a lograr estarían incrementar o peso do turismo no PIB (11%); mellorar o salario medio no sector e incrementar o peso porcentual dos recursos humanos activos no total do mercado laboral galego (12%); aumentar a estancia media e o gasto medio por día; e incrementar a cota de turismo internacional (13-15%).
A oposición dubida de que existan consenso e estratexia
Fronte ao argumentario do conselleiro, a voceira na área de Turismo do grupo parlamentario do PSdeG, María Quintás, cualificou o proxecto de "simple plan de propaganda carente de obxectivos e financiamento". Segundo a avaliación dos socialistas trátase dun "despropósito" de planificación turística que, paradoxalmente, coincide co Xacobeo. "Provocará que este ano teña peores datos que o ano pasado a pesares de ser Ano Santo", agoirou.
A deputada socialista reparou especialmente na renuncia ao incremento dos orzamentos para turismo neste ano Xacobeo e criticou que o departamento "deixou sen executar o ano pasado 32 millóns de euros, o 22% do seu orzamento". Para o grupo socialista, os populares están desde o goberno amosando ser reticentes a desenvolver unha política decidida en favor do sector. A adxudicación de contratos a empresas foráneas "relacionadas con dirixentes do PP, ignorando os axentes culturais e empresariais galegos" foi outra das queixas realizadas. Por último, María Quintas aproveitou para poñer en valor o apoio do goberno español asegurando que se habilitaran fondos para modernizar as infraestruturas turísticas poñendo en marcha 17 plans en 2009 "e programando outros 15 para 2010 cunha achega de 14 millóns de euros".