A Escola de Cultura de Pau, de Cataluña, alerta de que as tensións son "moitas" e que cómpre "'actuar preventivamente".
O conflito curdo é un dos analizados
Segundo informa Nationalia, publicación dixital do centro de estudos catalán CIEMEN, a Escola de Cultura de Pau alertou esta quinta feira sobre a necesidade de dar saída ás múltiples demandas identitarias do mundo antes de que xurdan conflitos violentos como expresión destas tensións.
Na presentación dos anuarios Alerta e Procesos de Paz, lembrouse que dos 31 conflitos armados vixentes durante 2009, 19 tiñan que ver coas aspiracións de autogoberno ou identitarias dalgún grupo. A maioría, 12, localizábanse no continente asiático, e incluían desde o combate dos musulmáns de Mindanao pola autonomía até o conflito no Curdistán.
En Europa tan só está listado o de Chechenia, dado que a Escola de Cultura de Pau define "conflito armado" aquel onde se producen "un mínimo de 100 vítimas mortais nun ano ou un grave impacto ao territorio e á seguridade humana". Xa que logo, fican fóra por exemplo País Vasco ou Córsega.
Por outra banda, ao respecto do conflito vasco, Lokarri anunciou o inicio dunha campaña de adhesións á Declaración de Bruxelas, documento subscrito por catro Premios Nobel da Paz e 17 referentes mundiais na resolución de conflitos que "resume á perfección os pasos necesarios para abrir un novo proceso de paz".