Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Conta atrás para a liberalización postal

Temor a unha privatización de Correos que empezou a preparar Feijoo

Os traballadores chaman a atención sobre o que cualifican de "apagón postal". Non só hai un feixe de empregos en xogo. Tamén está en cuestión o futuro do servizo público.

R. N - 14:15 05/04/2010
"Correo público e de calidade": Mobilización dos traballadores de Correos o verán pasado

"Correo público e de calidade": Mobilización dos traballadores de Correos o verán pasado

A día de hoxe aínda non se produciu unha soa xuntanza oficial entre os representantes sindicais dos traballadores de Correos e o Ministerio de Fomento, departamento do que depende o servizo. O silencio do goberno español ao respecto rachouno apenas o actual ministro, o lugués Xosé Blanco, quen asegurou hai poucos días no Congreso que o executivo estatal garantirá a prestación do servizo postal universal e a viabilidade da empresa pública. Blanco mesmo avanzou que proximamente levará ao Consello de Ministros un proxecto de lei que aclararía o futuro da empresa.

Un mapa de privatización iniciado por Núñez Feijoo
Para os traballadores é un pequeno triunfo conseguir este pronunciamento do ministro, que entenden chega pola presión e as mobilizacións, mais son escépticos sobre as garantías de futuro que poida estabelecer o goberno español para Correos. "Blanco non é un notario, senón un político", advirte Juan Carrera da CGT-Correos, indicando que a realidade dos feitos demostra que até o de agora a estratexia do executivo español iría por outro lado. Á espera de coñecer os detalles desa proposta, o sector mira ao calendario: o próximo 1 de xaneiro de 2011 entra en vigor a directiva europea que marca o inicio da liberalización postal. Unha data na que necesariamente deberá estar na mesa a nova lei sobre servizos postais e que, agoiran no sector, significará o punto de inflexión cara á propia privatización da empresa. Unha camiño sobre o que, desde o maior actor privado no sector, afirmaban para Vieiros hai uns meses non ter dúbida de que o executivo estatal apostará pola privatización.

De feito, os primeiros chanzos claros cara a un modelo de privatización para os servizos postais atribúenselle a Alberto Núñez Feijoo, quen logo de formar parte do primeiro goberno Aznar como presidente do Insalud, apadriñado polo daquela ministro Xosé Manuel Romay Becaría, pasou a asumir a dirección xeral de Correos e Telégrafos. Durante a pilotaxe de Feijoo á fronte de Correos, desde o ámbito sindical critícaselle entre outros a duplicación de infraestruturas coa creación dun servizo de paquetería que asumía servizos xa prestados pola propia empresa matriz ou a duplicación e empeoramento de servizos de xestión burocrática. Na práctica, un despece en empresas de menor volume que, denuncian os sindicatos, seguen a estratexia clásica de dividir a empresa pública co obxecto de facilitar a venda, ben na súa totalidade ou ben de partes desta, apunta a CGT.

No mesmo sentido, desde a CIG lembran que foi Feijoo o responsábel dun punto de inflexión que derivou na progresiva erosión de Correos logo de convertela nunha Sociedade Anónima e favorecer o cambio "do concepto de servizo público ao de sociedade mercantil, apostando cegamente por un modelo de xestión neoliberal". Un modelo que, quéixanse, está provocando unha degradación dos servizos e que renunciou a planificar investimentos e definir unha estrutura viábel en canto a infraestruturas e persoal.

Carteiro que se xubila, posto que se suprime
De xeito global, a avaliación de necesidades de financiamento do servizo postal universal en todo o Estado é de 242 millóns de euros. Malia iso, o executivo inxectou apenas 160 millóns no mellor dos anos. Este último ano, a engrenaxe do servizo postal renxe cunha achega de só 70 millóns de euros.

Un dos exemplos prácticos da erosión do servizo é a situación creada coa xubilación periódica dos carteiros. Trátase de postos que non son cubertos de novo o que por exemplo en Galiza, agrava o problema de distribución do correo no disperso mapa municipal do país. Os roteiros redefínense, pero cada vez hai menos persoal para cubrir o mesmo espazo xeográfico. Ao fío dunha mobilización recente desde a CIG denunciaban que a dirección de Correos lle obriga aos traballadores a asinar un aumento de recorrido neste tipo de casos.

Ben significativo é tamén o que acontece este ano coas vacacións dos traballadores, que por vez primeira non son cubertas, recordan desde a CGT. Un exemplo máis da precarización dun cadro de 65 mil persoas das que xa só arredor de 25 mil son funcionarios. Neste ano, a contratación eventual reduciuse nun 80% respecto ao ano anterior o que na práctica implica que Galiza dispoña de arredor de medio milleiro menos de carteiros para atender o servizo. "Unha perda brutal de calidade no reparto", critica a CIG. Exemplo da "presión anormal e da sobrecarga", láianse desde a CGT. Tendencias que en calquera caso mancan especialmente a Galiza e de xeito moi concreto o rural galego.

Mobilizacións en Galiza esta semana
As formacións sindicais CGT, CCOO, CSIF e SL levan convocando unha serie de mobilizacións nas últimas semanas co obxectivo de facer presión sobre a administración á vez que se alerta á sociedade da erosión do servizo público. As concentracións e folgas chegan esta semana a Galiza, comezando este martes en Ourense e seguindo sucesivamente e deica a sexta feira en Lugo, Pontevedra e A Coruña.

Alén das reclamacións xenéricas sobre os buratos na calidade do servizo, as propias queixas sobre as condicións laborais dos traballadores exemplifican o deterioro da situación. Os últimos en acceder a un emprego en Correos non chegan a mileuristas, e a media de ingresos dun traballador que leve vinte anos de antigüidade na empresa non pasa dos 1.100 euros. O salario base dun carteiro que ande a pé é de 600 euros, aínda que poderá chegar aos mil a través de diversos complementos. Mentres, a negociación do convenio colectivo leva paralizada ano e medio.


5/5 (6 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: