Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Desembarco no país

A alternativa a Correos toma posicións fronte á liberalización postal

Coa saída a concurso dos servizos postais chega Unipost, o maior actor privado no sector, saído da unión de pequenas operadoras que lle rabuñan cota ao monopolio actual.

Redacción - 13:45 26/10/2008

Santiago de Compostela e Ourense son as pancas estratéxicas onde abre agora delegación Unipost, o operador privado que aspira a botarlle pulso ao servizo de Correos. Co novo eixo nestas cidades, e xa filiais en Vigo, Lugo e Pontevedra máis un centro de distribución na Coruña, a empresa ponse a meta de dobrar a cifra de negocio que até o de agora mantiña en Galiza con apenas o servizo de entrega de envíos realizados por clientes doutras xeografías do Estado.

Co ollo na liberalización total no sector postal en 2011, Unipost aspiran a coller cota a nivel da administración froito da esixencia legal neste ámbito que conlevará que a curto prazo, con probabilidade a comezos de 2009, a propia Xunta saque a concurso público a atención dos seus servizos postais. Á beira do negocio potencial a nivel das administracións públicas, o 20% do total no sector a nivel estatal, Unipost aspira a multiplicar os clientes empresariais, especialmente no ámbito do márketing directo, cunha rede que fornecerá o servizo estábel a curto prazo en até dez poboacións dándolle emprego a un cadro de 62 persoas.

"Puntualidade, flexibilidade, atención personalizada, eficacia e rendabilidade", destacou Pablo Raventós, director xeral de Unipost, na presentación da compañía esta semana en Compostela. Raventós laiouse dos atrancos que, na súa opinión, o operador principal, Correos, lle leva posto ao despregamento das alternativas no sector e recordou as advertencias da Unión Europea ao respecto. Segundo Raventós, trátase dunha posición que freou a modernización e freou o avance do sector postal aos niveis de calidade e volume de negocio que xa acada noutras zonas de Europa.

Ao fío, prognosticou que a medio prazo Correos tenderá á senda da privatización xa experimentada noutros sectores como o das aeroliñas ou o da telefonía. A nivel europeo, Unipost conta cunha alianza chave no xigante alemán Deutche Post, con acesso así a unha extensa rede postal en ducias de países e á vez manténdose como socio estratéxico da entidade xermana, no accionariado desde hai catro anos.


3/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: