Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
E aproveita para cargar contra o bipartito

O PP xustifica que Varela fixo unha chamada a "universalizar a cultura galega"

O conselleiro recibe o apoio do PPdeG logo de opinar que a cultura galega está "ensimesmada e acomplexada".

Redacción - 19:25 27/01/2010

Críticas "sen sustento" e palabras collidas "fóra de contexto". É a valoración que lle merece ao grupo parlamentario do PPdeG o malestar abrollado logo das recentes polémicas abertas pola Consellaría de Cultura e en particular polo seu titular, o conselleiro Roberto Varela. Na opinión do portavoz do PP na Cámara, Manuel Ruíz Rivas, as palabras de Varela "non foron postas no seu contexto". "Falaba do potencial que ten a nosa cultura, que pode competir perfectamente con calquera outra e que debe darse a coñecer e non quedar só para os galegos", argumentou Ruíz Rivas.

De xeito concreto, Varela afirmara nunha intervención pública que "a cultura galega está ensimesmada e ás veces tamén acomplexada" e referírase a unha visión supostamente "demasiado exclusivista" que se tería en Galiza da cultura. "En teño perspectiva do exterior", xactárase o conselleiro, apelando á súa traxectoria como diplomático en diversos países.

Críticas da oposición, pero tamén desde o PP compostelán
En defensa das actuación de Roberto Varela, o portavoz do grupo parlamentario do PPdeG tamén aproveitou para criticar que o bipartito "non deixou nada feito" en relación á programación cultural para este ano Xacobeo. Rivas censurou que socialistas e nacionalistas ataquen agora a xestión da Xunta nesta área e teimou en que a programación deseñada suporá "un gran beneficio" para o país. Así e todo, evitou referirse ao propio malestar aberto no PPdeG compostelán pola perda de peso da cidade no proxecto turístico elaborado polo Goberno.

Desde o grupo parlamentario do BNG, a voceira en materia de cultura, Ana Pontón, achegou no Parlamento unha proposición non de lei onde solicita que da Cámara a "reprobación" das declaracións "ofensivas e lesivas contra a cultura galega" realizadas polo conselleiro. Pontón cualificou de "despropósito" que un conselleiro de Cultura "se dedique a insultar e menosprezar o pobo galego". "O presidente de calquera goberno cesaríao de maneira fulminante", opinou a deputada nacionalista. A voceira do Bloque laiouse de que Varela "non serve de interlocutor cos axentes culturais de Galiza" que dende hai nove meses estanlle a solicitar un diálogo "que o responsábel de Cultura nega reiteradamente".


3,67/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: