De madrugada e dando cumprimento á Lei de Memoria Histórica, a súa escultura foi trasladada ao almacén municipal da Grela.
Nun almacén municipal descansa xa a estatua de Millan Astray, o fundador da lexión, logo de ser retirada da praza do mesmo nome, detrás do palacio municipal de María Pita. Os traballos, executados a través da Concellaría de Rehabilitación Urbana e levados a cabo por unha empresa privada, comezaron as sete da mañá e duraron, aproximadamente, unhas tres horas.
O Concello da Coruña iniciou así os traballos de reordenación de todos os espazos en torno á súa Praza Maior, ao mesmo tempo que deu cumprimento aos acordos da comisión, que no pasado mes de novembro determinou os elementos vencellados á simboloxía franquista da cidade, para a súa posterior retirada en aplicación da Lei de Memoria Histórica.
A estatua, de máis de tres metros de alto, foi introducida nunha caixa e un camión levouna cara aos almacéns municipais, se ben un dos seus posíbeis destinos finais podería ser o Museo Militar.