Catro magos farán maxia este sábado n'A Coruña para que desaparezan os recordos da ditadura.
Estatua de Millán Astray, na Coruña
No Concello d' A Coruña parece que o tempo non pasa. Mais de trinta rúas e prazas coruñesas manteñen nomes referidos á Guerra Civil, á vitoria de Franco ou á época da ditadura. Ao contrario que noutras cidades do Estado Español, na Coruña non se teñen retirado estatuas como a dedicada a Millán Astray ou os escudos anteriores á democracia, como o que preside a entrada principal do pazo municipal de María Pita, que é ilegal dende hai vinte e seis anos.
Franco, alcalde honorífico
Desde 2004 o BNG ten levado ante o pleno nove rogos, oito mocións e outras tantas preguntas sobre a recuperación da memoria histórica e a supresión da simboloxía franquista. Todas as mocións presentadas, como a que pedía a revogación do recoñecemento de Franco como fillo adoptivo e predilectísimo da cidade, foron rexeitadas sistematicamente polo PSdeG e o PPde G, unha das últimas o pasado 2 de abril, onde pedían a retirada do título de alcalde honorífico da cidade ao ditador.
Percorrido máxico
Esta terceira marcha cívica que convoca a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica ten previsto botar a andar na cidade vella ao medidía, na praza de Cánovas Lacruz -lembremos, Enrique Cánovas Lacruz foi coronel do exército de Franco, ascendido a xeneral tras dirixir a toma pola forza da cidade d'A Coruña en xullo de 1936-, para logo parar diante do pazo municipal e, con acompañamento de gaitas e literatos, rematar na praza de Millán Astray, outro vello coñecido, onde o Mago Antón e o seu equipo teñen preparada unha sorpresa.