Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
A ONU pide 390 millóns de euros

Lenta distribución de axuda e caos institucional en Haití

Máis de 40 mil cadáveres foron xa enterrados en foxas comúns.

Redacción - 11:30 16/01/2010

Se xa era feble e complicada a situación en Haití antes do desastre desta semana, o caos logo do terremoto converteu nun desafío extremo a distribución da axuda, con infraestruturas e vías de comunicación en precario estado cando non desaparecidas. Diversos colectivos internacionais e administracións estranxeiras coincidiron nas últimas horas en advertir dos problemas para atender á gravidade da situación, citando entre outros a mínima e moitas veces inexistente coordinación por parte das autoridades locais. Estradas destruídas ou bloqueadas por cascallos, peiraos sen posibilidade de uso, o pequeno aeroporto da capital, insuficiente... O propio goberno haitiano mantén actividade en precario desde a sede provisional á que se trasladou: unha comisaría policial á beira do aeródromo.

No detalle das cifras, o goberno fala de máis de 50 mil mortos, moitos deles xa enterrados en foxas comúns, e de aproximadamente 250 mil feridos. Desde as Nacións Unidas avalían que, tan só na capital, cando menos 300 mil persoas perderon o fogar. No conxunto do territorio, consideran que a catástreofe afectoulle a un área que suma unha poboación de 3,5 millóns de persoas. A ONU tamén subliña que 2 millóns de persoas necesitan de axuda alimentaria urxente. Para atender a urxencia da situación, o secretario xeral da ONU, Ban Ki-Moon, concretou na súa última petición pública de emerxencia á comunidade internacional, a solicitude da inxección de 390 millóns de euros. É a cantidade que, segundo os cálculos da institución, será necesaria para asistir durante os próximos seus meses á poboación afectada polo sismo.

Recomendámoslles ampliar na BBC e na CNN.


4/5 (4 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: