Non hai cifras oficiais de mortos, mais xa se fala de "miles" ou mesmo de "centos de miles", segundo o primeiro ministro haitiano.
Porto Príncipe está devastada
Os habitantes de Porto Príncipe, a capital de Haití, están centrados na procura de superviventes do terremoto que arrasou esta cuarta feira o país, mentres que a comunidade internacional se mobiliza para axudar os centos de miles de vítimas.
Segundo o secretario xeral da ONU, Ban Ki-Moon, arredor de tres millóns de haitianos, un terzo da poboación do país máis pobre de América, resultaron afectados polo sismo de 7 graos na escala de Richter.
O terremoto e as tres réplicas que o seguiron converteron as rúas da capital nun fervedoiro de miles de persoas, algunhas que temen regresar ás súas casas e outras que xa non teñen teito, e á vez nun cemiterio, segundo informan as axencias internacionais.
Hai cadáveres tendidos no chan por todas partes na cidade, outros son trasladados por grupos de persoas e moitos máis se atopan debaixo dos numerosos edificios derrubados ou danados polos sismos.
Non hai cifras oficiais de mortos, mais xa se fala de "miles" ou mesmo "centos de miles", tal e como sinalou o primeiro ministro haitiano, Jean Max Bellerive.
Por agora, púidose confirmar que a cifra de membros da Misión de Estabilización da ONU en Haití (Minustah) falecidos no terremoto ascende a 16 e que hai perto de 150 empregados desaparecidos, indicou Ban.
Porén, as perdas non son só humanas, como se pode observar na arquitectura de Porto Príncipe. Entre os edificios que non resistiron o embate do terremoto están a Catedral e o Palacio Nacional, sede da Presidencia.
Axuda da comunidade internacional
As primeiras axudas da comunidade internacional, logo do SOS lanzado desde o goberno haitiano, comezaron a chegar. O embaixador de Haití ante a Organización de Estados Americanos (OEA), Duly Brutus, sinalou: "Nunca o noso país necesitou tanto a axuda".
Haití ten "o apoio total de Estados Unidos", que responderá "de forma rápida, coordinada e enérxica" á catástrofe, prometeu o presidente Barack Obama. Latinoamérica tamén respondeu con celeridade e países como a República Dominicana, Venezuela, Chile, Cuba, Ecuador, Colombia, Arxentina, Perú, México, Brasil, Guatemala, Panamá e Nicaragua, entre outros, xa se mobilizaron.
Por exemplo, un avión da Forza Aérea venezolana cunha vintena de médicos, 10 bombeiros e 17 socorristas partiu cara a Haití, así como medicamentos, alimentos e auga. E Brasil, que lidera a forza da ONU no país, anunciou unha doazón de 10 millóns de dólares e de 14 toneladas de alimentos.
Pola súa banda, a Comisión Europea anunciou o desbloqueo de tres millóns de euros de axuda de urxencia.