O presidente do país cualifica a situación de “inimaxinábel” e fala de milleiros de mortos.
O terremoto que na noite do martes sacudiu Haití revélase, co paso das horas, unha verdadeira catástrofe humanitaria. O presidente deste país, René Préval, estimou que o sismo de 7,3 graos deixou tras de si milleiros de mortos, aínda que admite que non pode dar cifras concretas debido ao caos, especialmente grave na capital, Porto Príncipe.
Moitos Hospitais, escolas e incluso o propio Parlamento son simples ruinas. Aos numerosos mortos hai que sumar outros milleiros de persoas que están atrapadas no edificios. Os centros médicos que seguen en pé están completamente desbordados, tal e como recoñeceu o goberno.
Haití demanda axuda urxente da comunidade internacional (principalmente sanitarios, enxeñeiros e outro persoal técnico). O secretario xeral da ONU, Ban Ki-Moon, alertou da excepcionalidade da situación e instou aos países a enviar recursos humanitarios.