Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
EN PROTESTA POLOS RECORTES

As Escolas Oficiais de Idiomas levan as clases á rúa

Acusan á Consellaría de Educación de cuestionar a profesionalidade dos profesores e de ameazalos en represalia polas súas manifestacións. Vídeo no interior.

Isabel G. Couso (texto e vídeo) - 14:05 10/12/2009

A Praza de Abastos de Santiago foi o escenario este xoves dunha nova protesta do profesorado das Escolas Oficial de Idiomas (EOIs) contra o que consideran unha precarización das súas condicións de traballo e un avance no desmantelamento do ensino público. Mestres e alumnos trasladaron a súas clases de linguas até o centro neurálxico do mercado compostelán nun acto co que quixeron escenificar o seu descontento coas últimas decisións da Consellaría de Educación, ao tempo que lle explicaron aos cidadáns a súa situación en primeira persoa.

Até a retirada da circular
A exixencia que dende o pasado mes de xullo levou aos diferentes sindicatos do ensino a manifestárense dos xeitos máis diversos é a retirada da circular 5/2009, promovida por Educación e que foi comunicada ao corpo docente sen que tivese oportunidade algunha de negociala previamente. Segundo explican, esta normativa leva canda si a ampliación do horario dos profesores nestes centros, a redución de máis de 100 mestres dos cadros de persoal e a mingua, en suma, da oferta educativa.

"Non pararemos nas nosas protestas mentres non se retire esta circular", dixo Anxo Louzao (CIG-Ensino) neste acto en Santiago. Este colectivo xa presentou un recurso de reposición contra a devandita circular e confía no seus resultados: "estamos convencidos de que a Xustiza nos dará a razón", asegura Louzao, quen adianta que accións coma esta se repetirán nos vindeiros días nas diferentes comarcas do país.

Con respecto aos avances conseguidos até o de agora, lamenta a falta de resposta por parte de Educación e acusa a este departamento de "intentar impoñer a circular centro por centro con presións e ameazas". "A Consellaría está demostrando unha actitude ditatorial e represiva, están a impedir que se trate este tema na mesa sectorial en troques de abrir algunha vía de diálogo". Ao tempo, explica que "ademais de cuestionar a profesionalidade dos traballadores, estanos intentando amedrentar dicíndolles que estes actos terán as súas consecuencias".

Caso concreto de Compostela
Doutra banda, no caso da Escola Oficial de Idiomas de Santiago, o profesorado tamén exixe unha pronta solución aos problemas do centro. "Dende 2001 estamos situados nun edificio provisional que se prevía que sería a nosa sede durante cinco anos, mais aínda non se construíu o novo centro", explica Cristina Cudeiro, mestra de alemán.

Segundo explican, o edificio ten graves carencias que dificultan de xeito significativo a docencia: "chove dentro do salón de actos, as aulas están sen insonorizar, un biombo fai de parede entre a biblioteca e o salón de actos...". Os traballadores quéixanse de que Educación non ratificase a decisión da construción dun novo edificio, cando o propio Concello de Santiago xa cedeu uns terreos para este fin. "A Consellaría non está a demostrar nin a mínima vontade de mellorar as condicións do ensino", insisten, "mais ao contrario semella que o seu único propósito é desmantelar o sistema público co que hoxe contamos".


5/5 (13 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Vídeo: Profesores e alumnos da Escola Oficial de Idiiomas de Compostela asisten a unha clase en plena Praza de Abastos

As aulas na rúa espertaron a expectación dos usuarios de Praza de Abastos / Fotos: IGC
As aulas na rúa espertaron a expectación dos usuarios de Praza de Abastos / Fotos: IGC