Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Manifestación en San Caetano

O 90% do profesorado das EOI secunda a folga contra a nova circular de Educación

Os sindicatos critican a actitude "ditatorial" da Consellaría por se negar a negociar un texto que "empeora" a calidade do ensino.

Redacción - 13:30 09/09/2009

Este mércores arrancou a folga convocada polos principais sindicatos do ensino entre o profesorado das Escolas Oficiais de Idiomas de Galiza para amosar o seu rexeitamento á circular enviada pola Consellaría de Educación que, ao seu xuízo, empeorará a calidade do ensino e a situación laboral da docencia.

Arredor do mediodía, algo máis de 500 persoas, segundo os propios sindicatos, concentráronse perante a consellaría, no complexo de San Caetano, en Compostela, para protestar pola imposición da circular 5/2009, que non foi negociada coa comunidade educativa. Segundo explicou o responsábel de STEG, Pepe Cabido, a concentración converteuse por un momento en manifestación, cun "pequeno" corte de tráfico na rotonda de San Caetano.

Anxo Louzao, de CIG-Ensino, cualificou a convocatoria de "moi positiva" para amosar "que a actitude da Consellaría de Educación é rexeitábel polo conxunto do profesorado das Escolas Oficiais de Idiomas".

Tanto STEG como CIG-Ensino cifran a porcentaxe de participación en máis do 90%, aínda que Cabido precisou que foi algo inferior nas escolas da Coruña e de Lugo. Tamén anunciou que pedirá a dimisión do director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Xosé Luís Mira Lema, polo seu "carácter autoritario e a falta de diálogo". Os sindicatos convocantes da folga, CIG-Ensino, FETE-UXT, CCOO-Ensino e STEG, xa se retiraran o luns da Mesa Sectorial por esa falta de negociación da consellaría.

Pepe Cabido tamén dixo que Educación está a facer demagoxia asegurando que a circular pretende acabar co feito de que o profesorado só traballaba "12 ou 14 horas á semana" cando o resto do tempo se empregaba en "diversificar con cursos en horarios especiais" e dirixidos a colectivos específicos.

A circular, presentada en xullo sen negociación previa, contempla que cada docente pase a encargarse de catro grupos fronte aos tres anteriores. O responsábel de STEG comentou que a consellaría xa pensa en deixar nas mans da inspección educativa decidir en cada centro se o profesorado se encargará de tres ou de catro grupos "o que causaría agravios comparativos". En resumo, Cabido afirma que a decisión da consellaría "é unha involución" e que impide que a sociedade "sexa plurilingüe, o que tanto propugna o PP".

As primeiras consecuencias da aplicación circular son o despedimento de 34 profesores "interinos e precarios" e a redución de prazas. Anxo Louzao lembrou que ese texto é unha modificación do anterior, aprobado durante o goberno de Manuel Fraga e negociado previamente coas forzas sindicais. Tamén cualificou a actitude do director xeral de "ditatorial" e afirmou que o PPdeG "pensa que gañar as eleccións lle dá un cheque en branco para atentar contra a calidade do ensino".

O xoves continuará a folga coa súa segunda xornada. Ás 12 do mediodía están previstas novas concentracións, desta volta en cada unha das Escolas Oficiais de Idiomas.


4,89/5 (9 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: