Os nacionalistas pídenlle ao Goberno que reconsidere a supresión dos galardóns e denuncian que esta decisión obedece ao "desprezo pola cultura propia".
Logo de que o Goberno anunciase a supresión dos Premios Nacionais de Cultura apelando a unha cuestión de austeridade, o BNG presentou unha iniciativa na que lle demanda que reconsidere a súa decisión.
A portavoz de cultura, Ana Pontón, subliña que estes galardóns, postos en marcha polo bipartito o ano pasado, tiña por obxectivo "poñer en valor e dignificar aos nosos creadores e creadoras, ao igual que se fai noutros países do mundo", especialmente nas "nacións sen estado con cultura propia".
Razóns económicas ou desprezo
O propio conselleiro de Cultura, Roberto Varela, xa adiantara que estes premios deixarían de entregarse. Entende que carece de sentido dar continuidade a uns galardóns que "custan unha fortuna". En concreto, cada un dos dez galardóns estaba dotado na última edición (e única até o de agora) de 15 mil euros (os españois custan 30 mil euros ás arcas do Estado).
Con todo, o BNG entende que esta decisión "non obedece a razóns económicas senón a desvalorización da cultura da nosa nación". Pontón dille ao Goberno que "aínda está a tempo de rectificar e non privar á nosa cultura do apoio e relevo que merece".