Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
Contra a precariedade

Emprego digno para xornalismo de calidade

O Sindicato de Xornalistas pide que os profesionais da información asistan ás conferencias de prensa con camisolas reivindicativas.

Redacción - 19:40 04/11/2009

Esta cuarta feira, 5 de novembro, uns 600 mil xornalistas dun cento de países están chamados a mobilizárense contra a precariedade laboral e para defenderen o emprego nos medios de comunicación. A convocatoria da Federación Internacional de Xornalistas leva este ano o lema "En pé polo xornalismo".

A Federación de Sindicatos de Xornalistas do Estado Español organizou diversos actos de protesta baixo o lema "A nosa precariedade é a túa desinformación", que terán lugar en prazas e en facultades de Ciencias da Información. Así mesmo, os cadros de persoal dos medios realizarán concentracións simbólicas con paros para ler o manifesto de denuncia da federación.

En Galiza, o Sindicato de Xornalistas pediulles aos profesionais que asistan a conferencias de prensa que vaian vestidos coas camisetas reivindicativas que distribuíu nos últimos anos. No caso particular do país, a reclamación é que os poderes públicos vinculen as axudas aos medios co mantemento de emprego estábel. Todo isto para garantir o dereito da cidadanía a unha información veraz e de calidade nun momento difícil en que están en perigo miles de postos de traballo.

Un dos últimos casos da vaga de despedimentos é o ERE anunciado polo xornal La Región, que pretende desfacerse de 35 traballadores malia gañar máis de 188 mil euros no último exercicio. Persoal dese medio concentrouse perante a Casa de Chocolate, o edificio da Xunta en Ourense.

O sindicato publicará, ademais, un manifesto e unha carta pública dirixida ao presidente do gobenro español, José Luís Rodríguez Zapatero, denunciando horarios abusivos, contratos lixo, abuso de bolseiros e de falsos autónomos como prácticas frecuentes na maioría das empresas de comunicación galegas.


4,2/5 (5 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: