Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
O DIARIO OURENSÁN PRETENDE FORMAR UN CENTRO DE IMPRESIÓN COMÚN CON OUTROS ROTATIVOS GALEGOS

La Región despide dúas persoas e outras corenta poderían ir á rúa polo peche da rotativa

Eva Gómez González e María do Carme Cebreiros Paradela poderían ser as primeiras dunha longa lista de despedimentos no xornal La Región. Segundo puido saber Vieiros, o diario ourensán ten previsto o peche da súa rotativa, o que suporía a perda de emprego de arredor de corenta persoas máis. O despedimento das dúas primeiras está a provocar a mobilización de asociacións sindicais como o Sindicato de Xornalistas ou a UXT. Precisamente, Eva González formaba parte do Comité de Empresa que negocia o convenio colectivo como representante desta última central. A dirección da empresa alega unha "reestruturación do traballo", mais fontes da UXT afirman que os despedimentos forman parte dunha estratexia para amedrentar ao cadro de La Región ante a presente negociación e a previsíbel venda da nave de San Cibrao das Viñas. O subdirector do periódico, Óscar Outeiriño, negou rotundamente estas acusacións e adiantou que de continuar "este tipo de mentiras" acudirá á Xustiza. No entanto, recoñeceu o peche da rotativa, mais matizou que é algo que "os traballadores -a maioría sen antigüidade- coñecen dende hai anos", e que se fai en beneficio da "creación dun centro de impresión común entre varios xornais galegos e de fóra".

- 12:55 24/01/2007
Tags:

O secretario xeral da Federación de Servizos de UXT-Ourense, Rogelio Solarat, afirmou que o despedimento de Eva Gómez responde a unha "vinganza persoal" de Outeiriño, quen xa perdeu no pasado dous xuízos de faltas coa primeira. Ademais, considera que se trata dunha "estratexia de amedrentamento" do persoal do rotativo. Segundo Solarat, a "reestruturación de traballo" que alega a dirección da empresa, leva consigo o asumiren os membros da redacción e os gardas de seguridade os labores realizados polas dúas secretarias (recepción de paquetes e de persoas, servizos de telefonía, etc.).

Pola súa banda, Óscar Outeiriño asegurou que "fóra de tres persoas da UXT, calquera dos 178 traballadores da compañía Rías Baixas de Comunicación (La Región) ou calquera membro dos outros sindicatos con representación no Comité de Empresa saben que isto é falso". "A UXT actúa deste xeito porque foi unha das súas afiliadas a que resultou despedida", engadiu, "mais se continúan falando de terrorismo empresarial ou deste tipo de mentiras, vounos levar aos xulgados". Outeiriño xustificou a decisión do despedimento das dúas secretarias: "Debemos ser un dos últimos xornais en Galiza que non contaba con gardas de seguridade na recepción, malia que hai tempo que dende a Subdelegación do Goberno -a raíz do ataque do Grapo en Vigo, hai catro anos- estannos a avisar de que reforcemos a vixilancia".

Respecto á venda da nave de San Cibrao e ao peche da rotativa, o subdirector de La Región manifestou que "non se trata de algo novo". "Das persoas que están a traballar na rotativa, en peche de edición e en montaxe, só sete persoas teñen antigüidade, e contan co compromiso expreso da empresa de que non será un fin traumático", sinalou, e engadiu que "o resto son rapaces de dezanove anos con contratos provisionais, que coñecían esta información cando foron contratados, e que trataremos de recolocar en empresas do contorno".


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: