Fontes xudiciais indicaron que está imputado por suposta prevaricación.
O luns rexistrouse o concello
O alcalde do municipio de Castro de Rei (A Terra Chá), Xoán Xosé Díaz Valiño, quedou en liberdade con cargos, mais non se lle impuxo ningunha fianza, logo de comparecer ante a titular do Xulgado de Instrución Número 3 de Lugo, que dirixiu a operación anticorrupción pola que foron detidos ademais do rexedor, outros dous concelleiros tamén do PSdeG e un de TeGa.
Díaz Valiño foi conducido ás 10.15 horas nun furgón escoltado por axentes motorizados aos xulgados lucenses, onde chegou esposado e non puido evitar que os ollos se lle enchesen de bágoas cando pasou por diante de familiares e compañeiros da corporación municipal que agardaban á súa declaración, que se estendeu por dúas horas.
Así que rematou, o alcalde permaneceu nos xulgados á espera de que pasasen a limpo o seu testemuño. Arredor das 15.30 horas deixou o edificio. Nunhas breves declaracións aos medios, afirmou que se "aclarará todo" no interrogatorio e remitiu as explicacións pertinentes a unha próxima conferencia de prensa que convocará.
O rexedor foi o segundo dos catro detidos o pasado luns en Castro de Rei que pasou a disposición xudicial, logo de que este martes quedou tamén en liberdade con cargos e sen fianza a concelleira Ana Canto, mentres que estaba previsto que os outros dous edís, un socialista e outro de TeGa, comparecesen ao longo da tarde desta cuarta feira.
A xuíza Estela San José decretou segredo de sumario, mais fontes da investigación sinalan que a operación está relacionada coa suposta adxudicación irregular de obras subvencionadas, como o Plan E ou o Plan de Obras e Servizos da Deputación de Lugo. Neste senso, fontes xudiciais indicaron que Valiño está imputado por suposta prevaricación.