Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Continúa o segredo de sumario

Unha das detidas en Castro de Rei, en liberdade con cargos

A concelleira socialista, Ana Canto, asegura que non ten nada que ocultar. Mentres, os demais acusados continúan nos calabozos da Comisaría.

Redacción - 11:00 27/10/2009
Díaz Valiño, alcalde de Castro de Rei (PSdeG), é un dos detidos

Díaz Valiño, alcalde de Castro de Rei (PSdeG), é un dos detidos

(Actualización 17:00 horas)
A concelleira socialista, Ana Canto, quedou en liberdade con cargos, logo de prestar declaración ante a xuíza. Os demais acusados continuarán nos calabozos da Comisaría da Policía até a xornada do mércores.

Canto explicou, á saída do xulgado, que quedaba en liberdade sen fianza e sen que se lle requira ningunha periodicidade de control policial ou xudicial. Explicou que non ten "nada que dicir nin nada que ocultar" e que segue a descoñecer cal é o feito que motivou a súa detención. Mentres, a investigación atópanse baixo segredo de sumario e seguen sen descartarse máis detencións.

Prevaricación e tráfico de influenzas. Estes son os delitos polos que quedarán imputados os catro edís do concello de Castro de Rei detidos na xornada do luns: o alcalde, Xoan Xosé Díaz Valiño (PSdeG) e os tres concelleiros, Ana Canto (PSdeG), Antonio Valado (PSdeG) e Roberto Lorenzo (TEGA).

Suposta contratación irregular de persoal
Malia que aínda non transcenderon con exactitude as causas que motivaron a intervención xudicial por mor do decreto do segredo do sumario, todo apunta á supostos delitos de contratación irregular de persoal ou a supostas irregularidades cometidas en relación coa xestión urbanística.

Segundo fontes policiais, no rexistro do concello de Castro de Rei foron intervidas 11 caixas con documentación. Despois, os axentes encargados da investigación desprazáronse á sede da Mancomunidade de Municipios da Terra Chá (no concello de Cospeito), onde recolleron outros documentos, entre os que se atopa un expediente de contratación de persoal desta entidade.

A xuíza titular do Xulgado de Instrución Número 3 de Lugo, Estela San José, está a revisar o material intervido, paso anterior a chamara a declarar aos catro detidos. En concreto, agárdase que presenten declaración ao longo da xornada do martes, para non prolongar a súa retención nas dependencias da Policía Nacional.

Operación aínda aberta
Con todo, a investigación continúa e non se descartan máis detencións e imputacións en relación co caso. Porén, non se agardan arrestos inmediatos, polo menos mentres os actuais detidos non pasen a disposición xudicial e presten declaración.

Castro de Rei está gobernado por unha coalición entre o PSdeG (catro concelleiros), Terra Galega (un) e BNG (dous), se ben as investigacións afectan, de momento, unicamente aos catro edís detidos. Tanto os concelleiros nacionalistas como o socialista que non foi imputado amosaron a súa "absoluta sorpresa" por esta intervención xudicial.



5/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: