Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Investigación

Á procura do auténtico pan do país

A USC pretende identificar que variedades de trigo fan que os produtos panadeiros de Galiza teñan o seu sabor "a pan do bo".

Redacción - 12:45 27/10/2009

Un equipo de investigación da Universidade de Santiago (USC), coordinado polo profesor Lourenzo Fernández Prieto, está a traballar en como determinar cal é o trigo "do país" co que se fai o pan recoñecido polos consumidores galegos como "bo". O traballo xurdiu por iniciativa da Federación Galega de Panadarías (Fegapan), que executa dende hai 10 anos unha investigación co Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo, enmarcada tamén nun proxecto europeo en que participa a empresa Calfensa.

A fase en que está a participar a USC trata de identificar e definir cal é a variedade de trigo coa que se fai o pan galego. Polo momento, xa se determinou que este produto debe ter un 30% de fariña do país, segundo explicou Fernández Prieto. Os expertos da universidade investigan cal foi a evolución do trigo no último século. Nese tempo, a semente pasou por diversos procesos de cruces e de selección que tiveron que ver coa evolución da agricultura e a gandaría do país. O obxectivo da USC é identificar esas variedades de cara a acadar unha identificación xeográfica do pan galego.

"Na evolución do trigo hai unha analoxía coa do viño", explica Fernández Prieto, no senso de que se introduciron novas variedades e se fixeron cruces, aínda que "no caso do trigo foise abandonando o cultivo". Aínda que se fose abandonando, o consumidor conserva a súa "memoria do padal", require un pan que teña o sabor "de antes", de aí que os panadeiros, interesados en ofrecer un produto distinguido e aceptado, encargasen unha investigación onde xoga un papel importante a historia aplicada.


5/5 (4 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: