Esta fin de semana a vila alaricana retoma a seitura do trigo.
Sombreiros de palla, recendo a herba seca e a merenda agardando á sombra. Os homes mallan o trigo, á man ou coa axuda das ruidosas malladoras. As mulleres preparan o xantar e, ao caer a tarde será hora da merenda, para fuxir do sol de xustiza. Coma antes. Así celebra o Concello de Allariz a festa etnográfica "O ciclo do pan" durante tres fins de semana. Para non perder detalle.
Homes e mulleres das parroquias de Allariz reviven a partir desta fin de semana a tarefa da seitura, moída e elaboración do pan; primeiro para dar conta da tradición, para lembrar os anos pasados e logo para recuperar estas actividades para os máis novos ou estranxeiros.
Desde o concello organizan esta "festa etnográfica" que distribuíron, coma daquela, en diversas etapas. A primeira delas é a sega, que se realizará en Queiroás da Igrexa. Alí, segadores e tamén segadoras deixarán os campos limpos de gran, que trasladarán ás eiras para facer a malla. En conversa coa responsable de Festas, Carmen Vidal López, unha das actividades que queren recuperar é a xugada das vacas, aínda que dependen da climatoloxía para poder realizar a escenificación ao completo.
Merenda
Ademais da seitura, homes e mulleres prepararán o gran con malladoras e limpadoras durante a tarde. Para facer o esforzo máis levadeiro haberá gaiteiros amenizando o traballo, ademais da tradicional merenda que as mulleres depositarán en manteis sobre o chan e á sombra, unha vez rematada a faena.
Será na fin de semana do 4 e 5 de agosto cando se celebre a moída do cereal no muíño do Burato de Allariz. Alí, como daquela, haberá bica e viño doce para repoñer forzas despois do traballo. Por último, na Torre de Seoane celebrarase a fornada os días 10 e 11 de agosto. Os proceso de amasado e cocido do pan respetaranse o máis posíbel, afirma Carmen, ao tempo que se lles deixará unha parte da masa aos pequenos e pequenas para que poidan cocer os seus bolos e se vaian integrando na tradición, di a técnica de festas do Concello.
O ciclo do pan rematará cun xantar co centro social da vila ourensana ao que acudirán políticos, turistas e xente do pobo. A colaboración cidadá e a recuperación da memoria son os dous eixos desta festa, que xa leva máis de dez anos organizándose en Allariz.