Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Polémica no Parlamento

O PPdeG rexeita investigar se Educación ten listas sobre os fillos de cargos do bipartito

O conselleiro Xesús Vázquez, en base a estas, afirmara que políticos do bipartito enviaban os seus fillos a colexios que discriminan por sexo.

Redacción / EP - 09:00 17/10/2009
A polémica xurdiu por unhas declaracións do conselleiro de Educación

A polémica xurdiu por unhas declaracións do conselleiro de Educación

Os deputados do PPdeG na Comisión de Educación e Cultura do Parlamento rexeitaron cos seus votos unha proposición non de lei presentada polo BNG e apoiada polo PSdeG que instaba a Xunta a investigar as supostas "listas ilegais" que a Consellaría de Educación tería sobre fillos de políticos do bipartito e "altos cargos" que estudan en centros que separan o alumnado por sexos.

A Presidencia da Mesa negouse a deixar reproducir un vídeo que recollía as palabras do conselleiro de Educación no pleno do Parlamento do pasado nove de setembro, o que provocou un ambiente de tensión. A nacionalista Carme Adán solicitou que a Xunta afonde neste feitos e "non quede só coa análise" nunha situación que supón "unha intromisión intolerábel na vida privada" dos políticos.

Despois de acusar a Presidencia de "censura" por impedir amosar o vídeo, Adán deulle lectura ao diario de sesións onde se recollen as declaracións de Vázquez onde lle aseguraba á oposición que "se queren, podemos falar aquí sobre que persoas dos seus partidos, altos cargos, levan os seus fillos a estes centros", mentres levantaba en alto un grupo de papeis.

Para Carme Adán, o feito suxire que o Goberno "ten listas ilegais coa vida privada" das familias dos políticos da oposición, polo que reclamou "unha investigación urxente" por parte da Xunta nesta materia que "esclareza" a situación. Considerou que "se cruza unha liña vermella moi perigosa" na que "se pode empregar neste Parlamento a vida privada", polo que pediu que "se depuren as responsabilidades pertinentes".

O voceiro socialista na Comisión, Guillermo Meijón, lembrou que aquel día Vázquez "estendeu os papeis ás bancadas da oposición, facendo ver que había listas", polo que mostrou o apoio do seu grupo á proposición e considerou "intolerábel" a non emisión do vídeo por ser "un atropelo de dereitos".

Nun ambiente tenso, o popular Román Rodríguez anunciou que o seu grupo rexeitaría a iniciativa e acusou a oposición de "manipular o asunto". "En ningún momento o conselleiro dixo que había unha lista", afirmou Rodríguez, quen atribuíu todo a unha "interpretación" de PSdeG e do BNG e a un "exercicio de vitimismo".


5/5 (5 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: