Implacábeis e insomnes, Nonito Pereira e Edu Lavandeira, peneiran o lado escuro dos ghits do verán.
A Chesko, Bitoiro, Dubi e Suso, músicos afincados por terras ferrolás baixo o nome The Bluesomes correspóndelles o honor de recibir o primeiro recoñecemento que este verán sae da caixa de propostas do A Polo Ghit. No programa Estamos en Crise, que vén emitindo cada noite a Radio Galega, o crítico e xornalista musical Nonito Pereira encargouse de atopar "a canción máis ghiñenta" do verán en 'A Pola Ghiña', unha visión implacábel e cómica das propostas para ghit do verán 2009. O Tripigrelos dos Bluesomes foi a peza elixida por Nonito, logo de debater e combater con humor e en directo con Suso Bluesome sobre o punto de inspiración e os refachos "hawaianos" que dixo verlle ao tema.
Por outro lado, contámoslles que o programa da Radio Galega “Estamos en Crise” remata este xoves día 13 de agosto. A partires de aí emitiranse dúas semanas de “refritos” e logo xa non formará parte da grella da nova temporada de inverno. Finaliza así o seu treito o programa conducido por Edu Lavandeira, logo de ano e medio de espantarlles o sono aos oíntes a golpe de irreverencia e transgresión. Máis de 115 emisións, por riba de 300 entrevistados, un cento de actuacións en directo de grupos do país, e centos de monólogos, skechtes e montaxes para o esmendrelle nocturno da audiencia.