Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
Comeza o Intercéltico de An Oriant (Breizh)

"O esforzo feito nos 90 para internacionalizar a música tradicional deu os seus froitos"

Todos os anos é especial, mais este éo un pouco máis. Galiza é o país homenaxeado no festival celta por excelencia. Falamos con Anxo Pintos, de Berrogüetto e SonDeSeu.

Redacción - 09:30 31/07/2009

Dende este venres deica o 9 de agosto, An Oriant hase converter na capital de Galiza. Polo menos culturalmente. Este ano o noso país é o convidado de honra -xa o fora tamén en 2001- no máis importante festival celta do mundo, o Intercéltico que se organiza en terras da Bretaña.

A presenza galega aumenta anualmente. Na edición de 2008, sendo Gales o homenaxeado, Leilía, Quempallou e Munterohi pasaron polos escenarios da cidade bretoa. Antes fora a quenda de Milladoiro, Carlos Núñez, Fía na Roca, Susana Seivane, Mercedes Peón, Budiño ou Luar na Lubre (algúns destes repiten).

Mais non foi até agora que a dirección do festival contou con outra das xa míticas bandas con raíz na música tradicional galega, Berrogüetto, que ademais terá un papel especial xa que actuará o luns na gran noite de Galiza. Compartirán espazo coa orquestra folc SonDeSeu, composta polos 40 mellores alumnos da Escola Municipal de Música Tradicional e Folk (e-trad) de Vigo.

É por iso que será unha noite especial para Anxo Pintos, pola súa dupla condición de compoñente de Berrogüetto e de mestre da e-trad e dos SonDeSeu. Recoñece que repasando o programa "faltan algúns nomes", mais valora o "esforzo" dos responsábeis do Intercéltico -o director artístico é o asturiano Lisardo Lombardía- para elaborar a representación galega.

"Riqueza de propostas"

Anxo Pintos considera neste senso que hai que salientar a "riqueza de propostas" dos músicos folc do noso país, tanto polo número como tamén "cara a dentro" pola variedade a nivel de produción: "Xa non somos miméticos como antes", afirma, e engade que "seguemos a ter a música tradicional de referente, mais combinada con cadanseu imaxinario particular".

Preguntado por se considera que os nosos artistas están a día de hoxe recoñecidos internacionalmente, Pintos di que en todos os festivais do mundo Galiza é referencia. "O esforzo realizado a finais dos anos 90 para internacionalizar a música tradicional deu os seus froitos", confesa, e recorda as xiras que se facían mesmo "sen ser rendíbeis".

Ao respecto dos concertos programados para An Oriant, salienta que unha das actuacións será en formato semiacústico, unha innovación que están a probar esta tempada, que serve para reducir os elementos de amplificación e permite que o timbre de cada instrumento se escoite de xeito máis natural. No caso de SonDeSeu, que dirixe Rodrigo Romaní, fai que o balance entre seccións -arpa celta, zanfona, canto, gaita, requintas, violín, contrabaixo e percusión- combine mellor.

Músicas do mundo

Mais non todo será música no Intercéltico. Ao igual que en anos anteriores, Turgalicia instalará un stand con mostras de gastronomía, de artesanía e obradoiros, por exemplo. E haberá tempo tamén para a estética tamén fóra dos escenarios.

Un dos actos principais é o tradicional desfile de bandeiras, o martes pola mañá, onde participan milleiros de gaiteiros das nacións participantes, cun destacado papel para Galiza (en 2010, no 40º aniversario do Festival, Bretaña levara o peso das celebracións).

Fóra dos artistas galegos, entre os que tamén hai que salientar os Crema de Gaita, destaca a presenza de portugueses, como Misia, iugoslavos, como Goran Bregovic, quebequeses, como Le Vent du Nord, ou brasileiros, como Lenine. E dento dos espectáculos, os 700 mil visitantes previstos poderán gozar dun dedicado ás Mulleres Irlandesas no Mundo Celta e doutro sobre a figura de Castelao.


Ligazóns

4,5/5 (8 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Banda de Gaitas de Outes, no desfile de 2007

Mutenrohi, no Intercéltico de 2008

Fotografías da Asociación Cultural Donaire, con música de Luar na Lubre

Pablo Devigo, gañador do trofeo de gaita MacCrimmon en 2008