Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
Festival Intercéltico

Galiza desembarca en Lorient

Na 39ª edición do encontro, que terá o noso país como protagonista, participarán máis de 25 grupos musicais galegos,  ademais de diversas mostras.

Redacción - 17:00 17/06/2009
Cartaz do Festival

Cartaz do Festival

Galiza será este ano a protagonista do 39 Festival Intercéltico de Lorient, na Bretaña, que se vai desenvolver do 31 de xullo ao 9 de agosto. Xa se coñece a programación que se vai desenvolver no pavillón instalado por Turgalicia, e que terá case mil metros cadrados de superficie.

Por unha banda, no pavillón galego amosarase unha imaxe do país "entrañábel, amábel e de calidade" e potenciarase a súa personalidade propia como destino turístico. Así, informarase e difundirase a oferta turística, con especial fincapé no Xacobeo 2010, e haberá degustacións gastronómicas, exhibicións de artesanía e, por suposto, actuacións musicais: 24 espectáculos diferentes ao longo do certame.

Están previstos concertos de Alberto Coya e Alba Gutiérrez, Edelmiro Fernández, Marta Quintana e a súa banda, Bellonmaceiras Quinteto, Fía na Roca, Berrogüetto, Rosa Cedrón, Cristina Pato, Soas, Limagoia, Crema de Gaita, Espido, Pablo Carpintero, Anxo Lorenzo Band, Emilio Cao, Isga Collective, Ialma, Licor Kafé, Lulavai, Dúo de Arpa Céltica e Violín, BoNoVo, Faltriqueira, Lamatumbá e Susana Seivane. A derradeira actuación de cada xornada irá seguida dunha queimada.

Pero non só haberá actividades relacionadas con Galiza no pavillón, pois tamén terá lugar unha noite galega de gala no Grand Théâtre de Lorient coa actuación de Sondeseu e unha exposición fotográfica sobre o Camiño de Santiago. Así mesmo, a organización do Festival anunciou a contratación de Carlos Núñez, e os concertos, en diferentes espazos, de Sondeseu, Susana Seivane, Xacarandaina, Pradairo, a Agrupación Moxena e a banda de gaitas Airiños de Fene.


4,33/5 (6 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: