Os miniportátiles son cada vez máis populares. Segundo un informe, serán a única modalidade de computador que aumentará as súas vendas en 2009.
O Asus EEE foi dos primeiros modelos de miniportátil en popularizarse
O aumento da popularidade dos miniportátiles ou netbooks fará que este tipo de computadores de prezo e prestacións axustados supoñan unha cuarta parte de todos os ordenadores portátiles que se vendan este ano.
Segundo a predición da consultora NPD, en 2009 venderanse no mundo 129,5 millóns de portátiles, dos que 32,7 serán netbooks. Na área de Europa-Oriente Próximo-África, a porcentaxe será do 22%, con 13,3 millóns de miniportátiles dun total de 47,7. Ademais, a zona acapara case a metade das vendas destes pequenos computadores no mundo.
Segundo a consultora, as vendas dos netbooks continúan medrando, arredor dun 25 por cento, fronte á redución das adquisicións de portátiles, que se prevé que no ano 2009 descendan por primeira vez con respecto ao ano anterior.