A decisión non ten que ver coa campaña iniciada na rede. O XP deixarase de vender no mercado xeral o 30 de xuño.
Un Asus Eee con Windows XP
Microsoft anunciou que seguirá vendendo Windows XP até o ano 2010. Porén, a súa decisión non ten que ver coa campaña a prol de que continúe a comercialización da versión máis popular até a data do seu sistema operativo. A compañía pretende usar o XP Home en computadores de baixo custo ou ultraportátiles, que non teñen capacidade para executar o Vista.
Deste xeito, Microsoft asegúrase un nicho de mercado que estaba a ser monopolizado por Linux, menos esixente en cuestións de hardware, ao tempo que segue a fomentar a extensión do Vista nos equipos novos. Así, mantén a data do 30 de xuño como límite para a venda de licenzas de XP en computadores "normais". O apoio técnico de balde e a garantía caducarán o vindeiro abril. A partir de aí, haberá que pagar por recibir axuda telefónica, até abril de 2014, cando Microsoft abandonará definitivamente a versión de Windows. Mentres, seguirá a haber actualizacións de seguridade de balde.
O XP Home seguirá á venda para equipos de baixo custo até o 30 de xuño de 2010, un ano despois da data prevista para o lanzamento do Windows 7, o sucesor do Vista. Xa non é a primeira vez que Microsoft adía a fin de Windows XP, pois nun principio prevíase que a súa venda ía rematar o pasado mes de xaneiro.