Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Esta quinta feira ou a vindeira

Cultura comprométese a nomear un novo director para o Agadic nun máximo de 15 días

Dende a consellaría afirman que xa están aboadas ao 90% das débedas pendentes co sector, mentres se comprometen a pagar o resto antes do 31 de xullo.

Redacción - 08:00 24/06/2009
O actor Ernesto Chao, a pasada semana, durante a conferencia de prensa na que o sextor das artes escénicas denunciou as débedas da Xunta

O actor Ernesto Chao, a pasada semana, durante a conferencia de prensa na que o sextor das artes escénicas denunciou as débedas da Xunta

A Consellaría de Cultura comprometeuse esta terza feira a aboar as axudas pendentes ao sector das artes escénicas canto antes, marcando como data límite o día 31 de xullo para que todos estes pagamentos fiquen resoltos. Así o asegurou o actor Ernesto Chao, após unha xuntanza mantida entre o Conselleiro de Cultura e a Asociación de Actores e Actrices de Galiza (AAAG), ao valorar que durante o encontro a consellaría chegase a "unha política de prazos" para pagar estas subvencións.

Pola súa banda, o conselleiro de Cultura, Roberto Varela, considerou o encontro "moi satisfactorio" e asegurou que o motivo no atraso dos pagos das axudas ao sector das artes escénicas "debeuse tanto a causas de tesourería como de facturación". Nesta liña, aclarou que o problema dos pagamentos "xa se solucionou ao 90%", e amosoulle á AAAG o seu "apoio absoluto e incondicional" ao seu traballo. En concreto, explicou Varela, faltan por abonar 143 mil euros, cuxas facturas aínda non chegaron á consellaría, e 93 mil euros de facturas que están sendo conformadas.

Nova Feira das Artes Escénicas e director para a Agadic
Ademais, no encontro, a consellaría comprometeuse a "comezar a traballar" nas feiras de teatro e, en concreto, prometeu comezar estes días a falar "con todos os festivais de danza e teatro de Galiza para coñecer as súas necesidades". Así mesmo, poranse a traballar "urxentemente" na Feira das Artes Escénicas que terá lugar en outubro, xa que, en palabras de Ernesto Chao, "aínda hai tempo de pola en pé, aínda que sexa ás présas".

Finalmente, o conselleiro considerou "importante" este "primeiro encontro favorábel" e reiterou o seu compromiso co apoio das artes escénicas en Galiza, "unha industria cultural moi importante que non pode resistir sen o apoio público". e é quen máis necesita o apoio público.

No relativo á Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Roberto Varela reiterou que "non existe parálises" no ente, aínda que se recoñeceu un "retardo". En calquera caso asegurou que o seu novo director será nomeado esta quinta feira, no Consello da Xunta ou, como moi tarde, no vindeiro.


4,33/5 (6 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: