A consellería de Cultura atribuíu a débeda de un millóns de euros a un erro do bipartito. Tamén anunciou o vindeiro nomeamento do director da Agadic.
Unha imaxe da multitudinaria conferencia de prensa
Esta cuarta feira de mañá, profesionais de case unha vintena de asociacións e colectivos das artes escénicas de Galiza e media ducia de salas, denunciaron que a Xunta lles debe un millón de euros por traballos realizados e reclamáronlle á Consellaría de Cultura que os convoque a unha comisión para abordar a "gravísima situación de parálise total" nas políticas das que depende o seu traballo.
Nunha multitudinaria conferencia de prensa, na que o actor Ernesto Chao leu o comunicado do seu gremio, no que denunciaban que "dende a Xunta se está paralizando o sector cultural"; e o presidente da Asociación de Actores e Actrices de Galiza, Vicente Montoto, amosou o seu malestar; pediuse tamén o nomeamento dun novo director ou directora para a Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais), un procedemento que aínda está paralizado. Alén disto, demandouse a resolución das axudas para a programación dos diferentes festivais das artes escénicas que se celebran en Galiza, entre eles a feira organizada pola propia Agadic.
Cultura di que vai pagar "pola vía da urxencia"
A primeiras horas da tarde chegaba a resposta do Goberno. O conselleiro de Cultura, Roberto Varela, aseguraba que o seu departamento está a realizar "pola vía de urxencia" o pagamento do millón de euros que se lle debe ao sector das artes escénicas por traballos realizados coa Agadic, atribuíndolle, por outro lado, este erro ao anterior goberno do bipartito.
Varela tamén sinalou que, aínda que a Agadic non teña director, "isto non significa que non siga funcionando", e asegurou que se seguen a pagar as nóminas e os gastos. Nesta liña, o conselleiro de Cultura prometeu nomear un novo director da Axencia "nos vindeiros días", e asegurou que tamén se vai reunir co sector "a vindeira terza feira" para "estabelecer un diálogo e romper con esta tendencia".