Malia a derrota en Monzón, o Compos gaña un ascenso que aínda pode conseguir tamén o Ourense. Mentres, o empate do Celta mantén o suspense vigués.
Houbo xolda este domingo en Compostela despois de que se confirmase que o Compos conseguía saltar de categoría. Malia a derrota en Monzón (2-1), os santiagueses facían valer a goleada da ida en San Lázaro (3-0). Un ascenso consecutivo que lle devolve á división perdida hai apenas un lustro. "Esta batalla rematou, e xa hai que poñerse a pensar na próxima, que é subir a 2ª", comentaba a continuación o presidente do clube, Xosé María Caneda, nos micrófonos da Radio Galega. Doutra volta, contámoslles que o Ourense foi quen de amarrar diante do Tudelano o pase á seguinte eliminatoria polo ascenso da mesma categoría, facendo valer a goleada do Couto.
Mentres, en Vigo mantense a incerteza despois do empate deste domingo en Alicante. Ao Celta cómprenlle tres puntos para a tranquilidade. O sábado ten a oportunidade diante do Alavés e gozará do empurrón de Balaídos para o desafío. Cun empate nesa cita, a agonía estenderíase ao campo do Sevilla Atlético a seguinte xornada. E aínda habería unha terceira oportunidade para rabuñar os tres puntos salvadores, na última xornada diante do Xerez.