As federacións española e portuguesa aspiran a organizar conxuntamente este torneo; Galiza podería ser sede dalgunha das eliminatorias que se disputen.
Representantes dos concellos da Coruña e de Vigo, do Deportivo e do Celta e da Federación Galega de Fútbol (FGF) reuníronse esta quinta feira coa directora xeral para o Deporte en funcións, Marta Souto, co fin de acordar a presentación dunha candidatura para ser sedes no Mundial de Fútbol de 2018.
As federacións española e portuguesa aspiran a organizar conxuntamente este torneo, e un ou varios estadios galegos poderían albergar algúns dos partidos que se disputen. O prazo para presentar a solicitude remata dentro dunha semana, o 24 de abril.
Clubs e concellos traballarán na confección dos documentos necesarios. Posteriormente, a proposta trasladarase á Dirección Xeral, que lla fará chegara ás federacións galega e española. Esta última será a encargada de decidir entre todas as cidades e estadios aspirantes.
Por parte do Concello de Vigo acudiu o concelleiro de Deportes, Xavier Alonso, mentres que polo da Coruña participou o seu homólogo, Xan Cajigal. En representación do Celta foi o seu vicepresidente, Ricardo Barros, e polo Deportivo, o máximo dirixente, Augusto César Lendoiro. Ademais, no encontro estivo presente o presidente da FGF, Carlos Meana.