Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
LARA LAGOA, WINDSURFISTA

Sobre como Lagoa conseguiu namorar o mar

Acompañamos a viguesa nun dos seus últimos adestramentos antes de partir ao campionato europeo sub-17, que se disputará en Francia. Vídeo no interior.

Vídeo: Isabel G. Couso / Texto e fotografías: Pablo García Martínez - 08:00 06/04/2009

Baixo un iracundo sol primaveral, aquelando os diferentes aparellos que compoñen o seu medio de traballo, agardaba Lara Lagoa a chegada dos xornalistas que a habían de gravar en plena acción. Unha vez alí, baixa a táboa e a vela até a beira do mar, para que se vexan como fondo mentres falamos con ela.

Precisamente cando monta enriba da súa cabeza un grande aparello moito máis voluminoso ca ela, emulando o fascinante sentido do equilibrio que fixo famosas as queixeiras do país, é cando recibimos o primeiro sinal da fusión entre a moza e o seu vehículo. Cos brazos abertos para mirar de abarcar toda a vela que carrexa escorre pola area coa liturxia dun funambulista. Pouco despois póusaa e ven correndo, divertida, para atendernos.

Máis tarde o seu pai, Alberto, explícanos que foi vendo uns experimentados windsurfistas cando lle entrou a curiosidade por este deporte e, para o seu seguinte aniversario, pediu como regalo un curso de windsurf. Pouco a pouco foise enganchando e, dado que os seus resultados académicos fan difícil poñerlle trabas (o ano pasado rematou 2º de E.S.O. e no seu caderno de notas só figuraba a palabra sobresaliente) os seus pais acataron con cómplice resignación verse abocados a acompañala na súa nova aventura.

Dende ese esporádico albor pasaron máis de catro anos, nos que Lara competiu en Cádiz, Polonia, Canarias, Francia e algunhas das máis prestixiosas praias do país, acadando espectaculares resultados (ver palmarés xuntado á galería). Agora achégase o campionato europeo que se disputará na localidade francesa de Lacanau, e no que esta vez os seus país non poderán acompañala.

Alberto explícanos que seguramente a levarán até Donosti e alí unirase á expedición de Formentera para emprender o camiño até o campionato. Esta independencia, pouco habitual entre as rapazas e os rapaces da súa idade, permítelle fitar os obxectivos sen ver as croias do camiño e convértese no único espectador das súas longas confesións co mar.

O resultado? Lara Lagoa é para si mesma como as patacas da casa para os que non viven da labranza. Seméntanse e sáchanse con gusto, por unha cuestión próxima á preservación do que case se convertera nunha tradición, pero cando sentamos na mesa lembrámonos de que, ademais, saben moito mellor que as compradas.

Con ese agarimo traballa arreo Lara nos espazos que lle deixan os seus estudos e, quizais sen darse de conta, converteuse con só 14 anos na mellor windsurfista do estado. Por iso, alén do curioso de ver esta cativa dándolle con tanto esmero á vela, resulta que é moi boa e non debería sorprendernos que o vindeiro día 15 volva de Lacanau cunha medalla pendurada do pescozo, na súa primeira participación nun europeo da categoría sub-17.


4,78/5 (18 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Vídeo: compartimos unha xornada de adestramento con Lagoa

Algunhas imaxes de Lara Lagoa no se hábitat natural: a ría de Vigo (clic para ampliar)
Algunhas imaxes de Lara Lagoa no se hábitat natural: a ría de Vigo (clic para ampliar)