Jacobo Fernández, David Rubín, BD Banda, e os fanzines Carne líquida e Condorito muerto optan aos galardóns, así como o álbum 'As serpes cegas'.
Os artistas e publicacións galegas optan a premios en todas as categorías (agás a de mellor obra extranxeira) nos premios que outorga o Saló do Cómic de Barcelona, o máis importante de toda a península e un dos máis importantes do mundo. Jacobo Fernández pode ser considerado 'mellor autor revelación' por Os amigos de Archimboldo Roque e Aventuras de Cacauequi. Mentres, David Rubín compite na categoría de mellor debuxo por Cuaderno de tormentas. En revistas 'BD Banda' é candidata ao premio principal, o mesmo que 'Carne líquida' e 'Condorito muerto' na de fanzines. Finalmente, As serpes cegas, álbum do balear Bartolomé Segui e do valencián Felipe Hernández Cava editado por BD Banda, opta aos premios a mellor obra e mellor guión.
Na pasada edición do Saló, Alberto Vázquez estivo nominado a tres premios, os tres máis importantes: mellor obra, mellor guión e mellor debuxo. Finalmente, o 'Fanzine Enfermo' fíxose co premio ao mellor fanzine do 2007, ficando Alberto Vázquez sen premios do xurado. Porén, nos galardóns outorgados polo público a Retranca de Kiko da Silva recibiu o premio á mellor revista de 2007. Tamén foi recoñecido como 'mellor guión' Antonio Seijas co seu álbum Un home feliz, co que xa gañara o Premio Castelao. E o propio Alberto Vázquez, aínda que quedou sen nada nas categorías oficiais, levou o recoñeceñemento do público ao mellor debuxo. Nesta ocasión a banda deseñada galega supérase, precisamente o ano no que é convidada de honra no encontro. Por ese motivo, o cartel desta edición, que comeza o 29 de maio, foi realizado polo ourensán David Rubín.