O consello de administración do club vigués destituíu a última hora do luns a Pepe Murcia e ao seu segundo adestrador.
Pepe Murcia nunha das súas últimas roldas de prensa
Finalmente o consello de administración do Celta de Vigo tomou a decisión de destituír a Pepe Murcia, que dende o luns á noite deixa de ser adestrador do primeiro equipo celeste. A única dúbida sobre esta decisión era económica, porque o equipo pasa un mal momento neste sentido e a directiva non tiña claro até que punto podían asumir o esforzo que supoñía o despido de Murcia para despois contratar un substituto.
Os malos resultados condenaron a un Pepe Murcia que nas últimas seis xornadas apañara dous empates e catro derrotas, deixando o equipo a 12 puntos do ascenso e só cinco do descenso. Agora chega Eusebio Sacristán, un antigo xogador do Barcelona de Johan Cruyff que se criou como adestrador neste mesmo club, á sombra de Frank Rikjaard. Malia que é a súa primeira experiencia como técnico principal, a súa formación futbolística fai que de Sacristán se agarde unha aposta por un fútbol vistoso fronte ao estilo de xogo defensivo ao que se aferrou Murcia.