Este domingo o Deportivo da Coruña recibiu ao Valencia en Riazor, onde empataron a un gol malia que os coruñeses foron superiores durante a maior parte do partido.
Lafita loita un balón con Rubén Baraja
O Deportivo dominou con claridade a un rival difícil como é o Valencia, pero a súa alarmante falta de definición dos coruñeses impediulles deixar na casa os tres puntos que estaban en xogo. Adiantáronse os valencianos cun gol de Villa, que define con elegancia e precisión despois de aproveitar un mal pase da defensa deportivista. Dende ese momento os visitantes adicáronse a defenderse fronte os ataques dun Deportivo falto de ideas, que non soubo transformar en goles o seu dominio absoluto da posesión do balón. O empate chegou no minuto 78 do partido, cando Adrián López cabecea cruzado despois dunha falta lateral sacada por Sergio.
Nova derrota do Celta
O Celta, pola súa parte segue sen facer as paces co novo ano e está botando abaixo neste 2009 todo o traballo de recuperación que levara a cabo nos últimos meses do 2008. Nesta ocasión o encargado de dar un golpe de autoridade en Balaidos foi o Eibar que gañou por un gol a dous. A Vigo chegou un equipo en postos de descenso que se atopou diante a un Celta ofuscado en xogar como un equipo pequeno. Lonxe quedan os tempos nos que o equipo vigués era coñecido no estado e incluso por Europa adiante, polo seu rápido e vistoso xogo. Este Celta ten como carta de presentación a patada, que pode ser a unha canela ou a un balón que ferve por volver ao poder do equipo rival. Con encontros como este van ter difícil convencer a xente de que volve a asolagar Balaidos, onde este sábado había pouco máis de cinco mil resignados seareiros.