Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
ATLETISMO

“A nosa vida deportiva dura seis anos e non gañamos unha millonada”

Falamos con José Alfonso Palomanes, que vén de mellorar o récord galego en pista cuberta de triplo salto, e a vindeira semana afronta o campionato estatal buscando unha medalla.

Redacción - 12:00 17/02/2009
José Alfonso Palomanes competindo nuns campionatos galegos

José Alfonso Palomanes competindo nuns campionatos galegos

Con só 20 anos José Antonio Palomanes camiña firme cara á consolidación na elite do atletismo, despois dunha prometedora carreira que xa apuntaba de mozo, chegando a quedar cuarto nun mundial de mozos. A comezos deste mes superou o récord galego de pista cuberta acadando unha marca de 15´60 metros. O campionato estatal de pista cuberta é o obxectivo inmediato de Palomanes no seu paulatino crecemento que semella non ter teito.

Sorprendeute a marca coa que acadaches o récord galego?

Non me sorprendeu moito, xa sabía que podía estar nesa marca.

O vindeiro chanzo na teu paulatino despegue é o campionato estatal de pista cuberta. Cales son os teus obxectivos para esta competición?
Está complicado, mais eu supoño que o meu obxectivo ten que ser estar entre os tres primeiros. Eu penso que a medalla vai estar arredor da marca que acabo de facer, de un metro con 60 centímetros.

Nas categorías previas á absoluta estiveches entre os mellores do mundo do triplo salto. Agardas no futuro completar a progresión que te leve a loitar cos mellores en elite, podendo chegar a marcas como, por exemplo, os 17 metros?
Está claro que é o meu desexo e aspiro a conseguilo, senón non seguiría adestrando a este nivel. Agora mesmo unha marca como os 17 metros véxoa bastante afastada pero se sigo adestrando como até agora e as cousas van ben si que podería chegar a ese rexistro.

Como avalías a situación actual do atletismo galego, a dous niveis vencellados directamente como son os resultados e as infraestruturas?
Os resultados que temos son bos, pero en instalacións as cousas xa non están tan ben. Por exemplo, a única pista cuberta que temos (situada na Coruña) é bastante vella. Eu non o noto tanto ao ser saltador, pero os velocistas si, porque a pista ten menos calles e é máis pequena do normal.

A que pensas que se debe a falta de difusión do atletismo en Galiza, se o comparamos con outros deportes?
Depende tanto da xente como dos medios de comunicación. Se o atletismo aparecera na televisión sería normal que comecen a practicalo cada vez máis nenos.

Ves posibilidades de adicarte profesionalmente ao atletismo no futuro?
Chegar a vivir do atletismo é moi difícil, e garantir o teu futuro aínda máis porque a túa vida deportiva dura só seis ou sete anos en que tampouco se gaña unha millonada. Polo menos si que me gustaría adicarme a isto exclusivamente, aínda que só fora un ano e non gañara diñeiro.

Cales son os aspectos que mellor debe dominar un atleta que se adique ao triplo salto?
Para calquera atleta hai dous valores fundamentais que son a rapidez e explosividade, pero no triplo salto tamén ten unha grande importancia a coordinación.


3,83/5 (6 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: