Este venres o autor recibe unha 'homenaxe nacional', na que tamén se presentará un libro sobre a súa obra e figura.
A Comisión encargada de organizar a Homenaxe Nacional tamén preparou un libro, A semente da nación soñada, que reúne testemuños, análises e traballos de creación ao redor de Xosé Luís Méndez Ferrín. A Comisión estivo formada por Francisco Fernández Rei, Rosa López, Antón Dobao, Miguel Anxo Seixas, Anxo Angueira, Xosé-Henrique Costas, Olegario Sotelo, Xabier Vázquez, Manuel Bragado e Xosé M. García Crego.
O libro, editado por Xerais e Sotelo Blanco, trata case todas as facetas da vida de Ferrín. Atopamos, por exemplo, o moi revelador texto no que Alfonso Álvarez Gándara escribe de maneira moi persoal sobre a súa relación con Ferrín dende os anos sesenta; para Álvarez Gándara, a UPG "coa súa innegable importancia" débelle "ao universo do nacionalismo unha explicación formal do feito, en principio desconcertante, de se ter desembarazado do seu fundador". Destaca tamén o que escribe Antonio Gamoneda, que se dirixe a Ferrín como 'irmán', ou o de Luís Gonçales Blasco (Foz), centrado sobre todo nos movementos universitarios de Compostela e a organización en Galiza da oposición á ditadura.
No libro hai textos que xa quedan para a historia, como o de Camilo Gonsar, que achegou unha reflexión sobre o nacionalismo escrita pouco antes do seu pasamento este outono. E de igual xeito é sensacional o relato no que Cid Cabido lembra os anos de activismo do PGP e as noites de facer pintadas e fuxir da policía polas rúas de Vigo.
No libro-homenaxe, un formato que adoita servir unicamente para a louvanza, hai tamén críticas, como as que a Ferrín lle realiza Nemésio Barxa ao redor da disolución de Galicia Ceive ("um partido político nom se pode dissolver numa Assembleia que nom tenha sido convocada com ese objecto") ou sobre o xuízo contra os militantes desa organización, polo que Ferrín lle agradeceu a súa defensa legal a Ventura Pérez Mariño, mentres que Barxa asegura que o seu defensor foi el.
Canda ao Ferrín-político e ao Ferrín-escritor, atópanse tamén anécdotas curiosas sobre o Ferrín-amigo, o Ferrín-compañeiro, como a que relata Xenaro García Suárez: "aconteceu hai un par de anos, nunha cea de amigos, eu tocando o baixo. Cando interpretamos Walk on the Wild Side, o Méndez non o resistiu, ergueuse da cadeira, agarrou o micro e duduou sen tregua ao mellor estilo Lou Reed".
O compromiso político: A Ética
A Trabe de Ouro naceu entre 1989 e 1990, tempo da caída do Muro de Berlín que moitos quixeron converter no fin da historia e no comezo do todo vale, e tempo igualmente da primeira das maiorías absolutas que puxeron a Fraga á fronte da Xunta durante 16 anos. A revista nacía como un intento de (re)pensar Galicia e o mundo dende Galicia e co texto "Estamos abertos a todos e a todo; teimamos que nada do noso tempo e terra nos sexa alleo". No número catro da Trabe, en 1990, Ferrín escribía "a loita continúa... A meta segue a ser o socialismo, o comunismo. Confórtannos Marx, Lenin, Mao, que seguen a ser guía para a acción e suscitadores do pensamento (...) A nosa tarefa é comprender este tempo e preparar a teoría para subvertilo. Escoller os lugares nos que estar".
É dicir, Méndez Ferrín apostou sempre por se manter activo, en loita constante, mesmo nos momentos máis difíciles, nos que a derrota semella ser o único camiño lóxicos. Como escribiu en 'Con pólvora e magnolias', A determinación de chorar non impida a fouce/ e o puño dos meus amigos debruzados sóbor dos ríos/ cos esguíos corpos coma fouces.... Ou como escribiu a través de Heriberto Bens decidimos que a historia é traballo de cada mañán de cada día. E unha conclusión que sempre ten a ollada posta na esperanza: quero vivir pra ter días de pólvora victoriosa (...) quero vivir pra que os cabalos tristes/ da Groba, do Xistral e outras montañas (...) un día alaguen con inmenso urro/ a praza do Obradoiro para anunciarnos a invasión da libertade ('O fin dun canto')
Xabier Cordal asegura que Ferrín é "unha das figuras políticas que fundamentan a Galicia contemporánea", canda a Rosalía/Murguía e Castelao: "Ferrín protagoniza a ruptura coa galeguidade burguesa e enxerta o nacionalismo no cadro revolucionario mundial". Cordal engade que "para dar forma a esa simbiose pendente" foi "decisivo" o contacto de Ferrín e o comunista exiliado Luís Soto. "Ferrín logrou conciliar as máis esixentes teoría e práctica da vangarda dos seus días. En primeiro termo, a que levara a Fidel Castro ou Ho-Chi-Minh a desafiar a orde imperial mediante respostas nacional-populares, tal e como antecipara James Connolly que debía combaterse o imperialismo", di Cordal. A este respecto, para Ferrín, escriben Mariano Abalo e Xosé M. García Crego, "a estratexia independentista en Galicia é condición necesaria para que a clase obreira sexa administradora e propietaria dos recursos naturais e poida organizar os procesos produtivos en beneficio da maioría".
O proletariado é o protagonista da obra toda de Ferrín. "Non hai escritor moderno á marxe da cidade", escribe María do Cebreiro, que destaca un extracto dunha entrevista que Manuel Rivas lle realizou a Ferrín en 1977, publicada en Teima: "A clase obreira vive nos suburbios, vive na cidade. Eles van ser quen salven a Galicia ou a Galicia non a salva ninguén". Fronte aos nacionalismos etnicistas, fronte ao "conformismo nacional" que critica Francisco Sampedro, Ferrín opón, como xa fixera Xohán Vicente Viqueira, a necesidade de "non considerar Galicia como un arrabalde, senón como un centro".
A brillantez literaria: A Estética
No bloque de análise e crítica literaria, o volume contén as achegas de Anxo Angueira, Xosé Manuel Beiras, María do Cebreiro, Francisco Fernández Rei, Francisco Sampredro, Darío X. Cabana, Manuel Outeiriño ou Antón Santamarina. Están analizadas con brillantez 'Contra Maquieiro', 'Con Pólvora e Magnolias' ou 'Estirpe', aínda que se bota a faltar unha meirande sistematización xeral, para abranguer a obra toda dun xeito máis ordenado e global.
Ética e estética marchan da man en Méndez Ferrín. Como dicía Mao, unha poesía social ou política, por moi boa intención que teña, se non chega a ser unha gran poesía, acaba por ser unha poesía contrarrevolucionaria. Para o libro Beiras recupera un texto escrito en 1982 no que reclama que en Ferrín política e literatura "son esferas conxugadas e interpenetradas (...) xa vai sendo hora de acabar con visións tanto do home coma literatura ferrinianas que as esgazan sen capacidade ningunha de comprensión integradora desas dúas esferas que se dotan reciprocamente de sentido". Na entrevista que Freixanes publicou en 'Unha ducia de galegos' en 1976, Ferrín cóntalle que "eu púxenme a escribir non por escribir, senón por escribir en galego; púxenme a escribir con estrita conciencia patriótica, por desenrolar unha función práctica cara a unha Galicia que arelábamos ceiba e dona de si mesma, da súa fala, da súa cultura. Veleiquí como o inicio do escritor é o inicio dunha actividade política. Ambas as dúas son inseparábeis".
Na proposta que o Pen Clube lle realiza todos os anos á Academia Sueca para apoiar a súa candidatura ao Nóbel, destaca que Ferrín "ten demostrado rigor e compromiso abondos para iluminar toda unha paisaxe, múltiple e posta ao día, galega e universal" e liga a súa nominación a un recoñecemento do "grande e orixinal esforzo estético realizado a través dos séculos por galegos, provenzais, cataláns, vascos, bretóns, irlandeses en gaélico e outras literaturas escritas en linguas minorizadas, importantísimas, onte e hoxe, para a construción dunha Europa máis libre e máis plural". A este respecto, Rosa López salienta que "ao tempo que os escritores galegos o propoñen como candidato ao Nóbel de Literatura, el segue encabezando manifestacións minoritarias como militante das formacións políticas máis humildes".
Malia á importancia do mundo fantástico na narrativa ferriniana, Antón Dobao reclama que a súa literatura "non renuncia á realidade nin se evade dela. Ao se construír con materia real, ao transfigurar o mundo coñecido, penetra na realidade e descárnaa en toda a súa crueldade, coas miserias dos seus tempos históricos e as riquezas dos seus grandiosos proxectos de transformación e das súas utopías". A utopía, lembra Dobao, é unha presenza constante na literatura de Ferrín, "Utopía que non é quimera. Proxección liberadora". Pola súa banda, Francisco Sampedro destaca a loita de Ferrín "denunciando os grandes esforzos que nos últimos tempos se veñen realizando por anular a categoría de verdade no ronsel posmodernista, decatándose de que se a tal categoría resulta inútil, inútiles tamén serán todas as vontades en oporse á ditadura-mediático-mercantil na que vivimos".