Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
DESEMPREGO E CRECEMENTO

O tirón de orellas da Unión Europea trae unha bafarada de pesimismo a Galiza

As constantes previsións económicas negativas presaxian uns meses moi difíciles nos que se porá en cuestión o suposto plus de resistencia galega á crise.

Redacción - 20:10 19/01/2009

Día tras día sucédese a publicación de indicadores económicos que superan a negatividade dos anteriores. Coa crise xa instalada nas nosas conciencias e tres xornadas despois de que o ministro de Economía, Pedro Solbes, adiantase unha previsión de contracción económica do 1,6 % e do aumento do paro dun 15,9%, a Comisión Europea bota un novo xerro de auga fría e amplía o agoiro da caída do PIB até o 2% e cifra a taxa do desemprego no 19% para o vindeiro ano.

Así as cousas, ¿que nos cabe agardar en Galiza? ¿Debemos confiar no suposto "plus de resistencia" ao que apelan algunhas forzas políticas para falaren da nosa situación económica? O economista e colaborador de Vieiros, Manuel González, descarta que a economía galega caia aos límites da española, se ben "tampouco vamos medrar". Os seus argumentos sostéñense nas características diferenciais do actual sistema económico galego. Dunha banda, temos que reparar "na menor importancia que tivo para Galiza o chamado boom da construción", o que se traslada a un menor endebedamento familiar e a unha menor dependencia laboral deste sector. A isto súmase unha segunda cuestión: "en termos competitivos o Estado Español ten un déficit forte por conta corrente que non ten o seu reflexo en Galiza, é dicir, temos unha maior competitividade exterior ao ter un maior equilibrio entre as exportacións e as importacións". E en terceiro lugar, se ben existe unha certa dependencia de sectores estratéxicos como o da automoción, tamén é certo que "se está a facer un considerábel esforzo en investimento público", o que amortecerá unha previsíbel caída da nosa economía.

Máis pesimista se amosa o sociólogo e tamén colaborador de Vieiros, Eduardo Rego, quen pon o acento na incerteza que xeran as continuas estatísticas que imos coñecendo. Na súa opinión, a evolución cara a peor dos nosos números é "só cuestión de tempo". Sostén que "a crise é moito máis profunda do que puidera parecer nun principio e é difícil determinar quen está no certo se un día coñecemos uns datos e ao seguinte nolos mudan por outros aínda peores".

Mercado de traballo
En relación ás crecentes cifras do desemprego, González cre que as estatísticas galegas se manterán a unha prudente distancia das do Estado Español. Na última Enquisa de Poboación Activa (EPA) difundida polo Instituto Nacional de Estatística (INE) correspondente ao penúltimo trimestre do ano situábase a taxa de paro no 8,47%. Porén, segundo as previsións do Indicador Laboral de Comunidades Autónomas (ILCA), este índice manterá unha tendencia á alza e situarase no 10,2% no primeiro trimestre deste 2009. As cifras continúan a manterse dúas décimas por baixo das previstas para o Estado Español. Na busca de explicacións a estes datos, González apela á menor presenza de traballadores inmigrantes en Galiza e a un comportamento diferente deste sector (os contratados portugueses marchan para o seu país sen que cheguen a reflectirse os seus datos nas nosas estatísticas). Ademais, tamén hai que ter en conta as actuacións en determinados sectores "que abren posibilidades de negocio", como é o enerxético (por mor do decreto eólico). Pola súa banda, Rego insiste na negatividade de todos os indicadores que imos coñecendo: "estes meses aínda van a ser bastante duros", di ao tempo que augura un panorama que "non pinta ben".


Ligazóns

5/5 (6 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: