En materia de emprego, a Comisión Europea fixa para o Estado Español o prognóstico máis pesimista da UE. Mentres, a Xunta adía a corrección das previsións até a volta das eleccións.
O déficit público chegaría en 2009 até o 6,2% do Produto Interior Bruto
Van apenas tres días desde que o ministro de Economía do goberno español, Pedro Solbes, compareceu diante dos medios de comunicación para asegurar que o prognóstico oficial de contracción económica que manexa o seu equipo é dun 1,6%. Do mesmo xeito, Solbes indicou o venres pasado que a previsión é o aumento do paro até un 15,9% cando remate 2009.
Un conxunto de agoiros que quedan curtos á luz dos propios números que manexa a Comisión Europea. Así, desde Bruxelas chegaba este luns o prognóstico de contracción da economía estatal de até o 2%. Á beira, a Eurocomisión considera que o escenario económico do Estado Español vai causar que a finais de 2009 apareza o peor índice de desemprego de toda a UE, unha porcentaxe de 16,1%, cifra que en 2010 chimparía até o 18,7%. Con eses números, o paro no Estado dobraría a media do desemprego na UE.
Nese marco, a Comisión considera que o déficit público estatal, que Solbes prognosticara dun 5,8%, será do 6,2% do Produto Interior Bruto (en 2008 situouse no 3,4%) e que en 2010 descenderá un chisco até o 5,7%, así e todo ben por riba do límite do 3% acordado no Pacto de Estabilidade e Crecemento da Unión Europea. Por outro lado, Bruxelas sinala que a inflación quedará á fin de 2009 nun 0,6% e que subirá en 2010 deica un 2,4%.