As exhumacións de nove corpos nestes dous concellos, nos que xa se traballara en 2007, únense ás xa anunciadas de Mondoñedo e Sebe.
O 20 de agosto de 1936 foron asasinados once dos concelleiros da corporación municipal de Boimorto. Fuxiu o alcalde e dous edís. O resto dos representantes elixidos democraticamente foron levados en camións ao Amenal (O Pino) e Ortoño (Ames), seis a cada lugar. Berráronlles "Correde" e disparáronlles polas costas. Once corpos caeron ao chan e alí mesmo foron soterrados, con roupa de domingo. En agosto de 2007 foron recuperados dous dos corpos en O Pino. Agora, posibelmente no verán, vanse retomar os traballos nunha foxa próxima para localizar ou outros tres corpos que alí están; de igual xeito traballarase en Ortoño para localizar aos outros seis fusilados.
Foi Don Emilio, crego local, quen animou aos fascistas a que acabasen con aqueles roxos que levaran a educación pública a Boimorto e que se enfrontaran con el, ao crear cemiterios públicos. Dos doce só conseguiu fuxir José Cabanas, que cunha bala na perna (que lle sacaron uns labregos cun fouciño) percorreu corenta quilómetros até regresar á súa casa. Alí viviu emparedado durante quince anos, nos que se intentou suicidar tres veces. A súa dona mandaba aos seus fillos xogar á pita cega para que o seu pai puidese tocalos sen que eles o visen.
Porén, a primeira exhumación que a Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica (ARMH) realizará este 2009 en Galiza terá lugar en Mondoñedo, seguramente en marzo. Trátase dunha foxa situada no antigo cemiterio da localidade, onde se atopan os restos de Florencio Carballo, Antonio María López, Enrique Navarret e Andrés Vale Blanco, asasinados o 11 de setembro de 1936. A ARMH tamén traballará neste 2009 en San Andrés de Sebe, en Pontevedra, onde foron fusiladas 11 persoas de Lalín o 9 de novembro de 1936.
Superar o medo
Xosé Luís Rivas, Mini, que foi concelleiro de Cultura en Boimorto na pasada lexislatura, e que foi o principal impulsor dos traballos de dignificación e memoria naquel concello, repite sempre que "aquela Galiza era republicana". En lugares como Boimorto a corporación municipal impulsou escolas públicas, asistencia sanitaria, enterros civís..., creáronse sindicatos agrarios cunha afiliación importantísima e unha grande actividade. A guerra matou todo iso, porque para iso se fixo o golpe militar que acabou coa democracia. A ubicación dos centos de foxas comúns que existen por toda Galiza, baixo os nosos pés, non é casual: estaban próximas ás estradas, en lugares moi visíbeis para que se visen e para asustar. Para servir de advertencia e para obrigar aos supervivintes a calar. Todos calaron, durante décadas, e moitos aínda conservan ese medo.
Un medo que, curiosamente, racha no momento no que se abren as foxas. As persoas que traballan dende hai uns anos nestas exhumacións contan anécdotas semellantes; vellos que no 36 eran nenos, e que foron testemuñas dos asasinatos e que durante toda a súa vida foron conscientes de que nese lugar había corpos soterrados. Sempre viviron co medo que lles impuxeron no 36. Non é a memoria o que separa ás 'dúas Españas', é o esquecemento; o medo non renace coas exhumacións, desaparece con elas.