Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
XUSTIZA E MEMORIA

Cultura coordinará a exhumación de foxas da Guerra Civil

A consellaría asesorará aos familiares, tramitará as súas solicitudes e a través de Patrimonio realizará os traballos de apertura das tumbas.

Redacción - 13:49 07/11/2008

A administración pública galega asume deste xeito un labor de apoio e coordinación do proceso de recuperación dos restos soterrados que até o de agora viñan realizando distintas asociacións privadas. Cultura coordinará o proceso, asesorará ás familias, facilitará toda a información que foi recompilando o equipo As vítimas, os nomes, as voces, os lugares, e ademais chegou a un acordo cos institutos de medicina legal do país para que realicen os traballos de identificación do restos. A apertura de foxas realizarase por equipos profesionais de arqueólogos, con métodos científicos e respectando os procedementos arqueolóxicos marcados pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

A consellaría tramitará tamén as peticións para a apertura de foxas e a identificación de cadáveres, amparándose no artigo 11 da Lei de Memoria Histórica. Para a apertura dunha foxa a Consellaría ponderará a existencia de oposición por calquera dos descendentes directos das persoas cuxos restos teñan que ser trasladados. Nas vindeiras semanas o departamento que dirixe Ánxela Bugallo anunciará na súa páxina web o procedemento que deberán levar a cabo os familiares para iniciar os trámites.

As asociacións que até o de agora levaran a cabo este traballo demandaran en máis dunha ocasión que a administración se encargase de coordinar o proceso. A Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica ten previsto realizar traballos de exhumación en dúas foxas á volta de Nadal: en Mondoñedo e Xeve (Pontevedra). Os procesos de exhumación de foxas iniciados en Galiza non se van ver afectados pola decisión da Audiencia Nacional de paralizar cautelarmente as aperturas de foxas comúns iniciadas por Baltasar Garzón. Emilio Silva, da ARMH, afirmou que a súa asociación seguirá coas exhumacións e sinala que é inhumana a actitude da Fiscalía por non ter en conta o sufrimento de moitas familias.

26 foxas
En Galiza están localizadas 26 foxas, así como 11 puntos da costa nos que se realizaron afundimentos de cadáveres, segundo consta nas investigacións do equipo multidisciplinar As vítimas, os nomes, as voces, os lugares, coordinado por Lourenzo Fernández Prieto. Fernández Prieto destacou a fiabilidade destes datos, así como do referente ao número total de persoas asasinadas despois de xullo de 1936 polas forzas fascistas, aínda que salientou a dificultade de coñecer a cantidade exacta de corpos que poderán ser exhumados nestas foxas.

Na presentación desta iniciativa, Ánxela Bugallo estivo acompañada polos responsábeis dos centros de medicina legal que colaborarán coa consellaría. O Instituto de Medicina Legal de Galicia (Imelga) realizará os estudos antropolóxico-forenses e o Instituto de Medicina Legal da Universidade de Santiago (Imlus) estudará o material xenético dos restos humanos para a súa identificación. Benito López de Abajo, director do Imelga, salientou que "vai ser un proceso lento", pero que "vai chegar até o final, que ningúen o dubide". O reitor da USC, Senén Barro, afirmou que o traballo do grupo de investigación que asesora á consellaría é unha mostra de como "o coñecemento se debe colocar ao servizo da sociedade e da xustiza".


5/5 (14 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: