Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
OMAR GONZÁLEZ FOI O NOSO ANFITRIÓN

Viaxe ao niño do triatlón galego

Vieiros foi ao CGTD, onde detrás da palabra "organización" agóchase unha orde de busca e captura sobre a anarquía. Vídeo no interior.

Vídeo: Isabel G. Couso / Texto: Pablo García Martínez - 09:00 13/01/2009

Vieiros visitou aos triatletas que traballan no Centro Galego de Tecnificación Deportiva, en Pontevedra. Alí tivemos como anfitrión a Omar González, máximo responsábel do triatlón no centro e adestrador persoal de Xavier Gómez Noya.

Despois de vagar unha miga por laberínticos corredores chegamos a unha piscina onde algo máis dunha ducia de mozas e mozos ían aquecendo os músculos a un ritmo de nado baixo. Ao seu carón González, dándolles a saída e observándoos tan polo miúdo que case debemos bater cos seus fociños para que nos vira. Despois comeza unha amena conversa na que nos explica que os mozos e as mozas que seguen nadando detrás del están alí porque xuntan tempo ao entrar unha hora antes ás clases. A loita contra o cronómetro é unha constante na vida destes mozos, que un día escoitaron falar dunha cousa rara á que lle dicían tempo de lecer.

Observámolos con curiosidade mentres gravamos e tiramos algunhas fotografías, pero esta curiosidade tórnase admiración cando reflexionamos en todo o que sacrifican estes mozos para compaxinar a súa formación académica coa práctica do triatlón a alto nivel. Esta admiración nace dunha reflexión dura: A maioría deles 20 horas á semana a unhas rutinas de traballo profesionais nunha disciplina que, por desgraza, é posíbel que non remate dándolle de comer a ningún.

Algún lector pode preguntarse onde queda o romanticismo de facer o que che gusta, mais eu viraría a pregunta cara a onde queda a xuventude destes mozos. Nos últimos anos as grandes entidades deportivas atinan apostando de xeito firme por unha formación integral que achegue o deportista a aquela frase que Platón instaurou como un proverbio de fermosa musicalidade e escasa aplicación: "Mente san en corpo san". Este é un cambio necesario, que dota os deportistas dunha formación coa que desenvolver unha actividade profesional cando rematan a súa vida deportiva, mais esta mudanza ten como principal damnificada esa idade doce onde paramos tan pouco a pensar que ás veces semella que a reacción chega case a anticiparse estímulo que a motiva: a adolescencia.

Tendo como carta de presentación os excelentes resultados acadados polo triatlón galego resultaba difícil marchar do CGTD cunha mala impresión sobre o traballo que se fai alí e, efectivamente, a mañá deixounos como pouso a impresión de ter visitado un lugar onde se traballa ben. Omar e o triatleta Óscar Vicente acompáñannos polos corredores cando, de súpeto, escoitamos os berros dun dos rapaces, que canta a rachar mentres consume os cinco minutos que ten para ducharse antes de volver aos estudos. O refugallo cinsento da reflexión anterior esborrexe polo meu sorriso, semellaban tan profesionais adestrando que non me lembrara de que máis alá de compañeiros de traballo, estes mozos e mozas son tamén compañeiros de lerias.


5/5 (9 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: